Beto Luaces: "O futuro dirá se este suposto “boom” da novela negra en Vigo se consolida ou foi


Beto Luaces nace en Montevideo (Uruguay) en 1969, fillo de pais galegos. En 1978 a familia regresa a Galicia e pasa de vivir na capital charrúa a unha aldea da serra do Suído. O impacto é grande, mais é positivo. A serra do Suído, a súa historia, as súas xentes, a paisaxe, os valores etnográficos… todo é novo e… máxico. Axiña, a familia instálase na cidade de Vigo. Alí transcorre a súa adolescencia e co tempo acode á Universidade de Vigo e Santiago para cursar os estudos de Filoxía Galega e Portuguesa. Con todo, non remata a carreira, decepcionado polas escasas expectativas de futuro (social e laboral) que ve para o idioma galego. Logo, consegue aprobar unha oposición e comeza a traballar como funcionario na Administración de Xustiza. Vive no País Basco, Madrid, Lugo e, ao cabo, rergreso a Vigo.

Na última semana de 2012 comeza a escribir a serie de novela negra titulada Vicvs. O primeiro libro titúlase Un lugar do común. Este libro publícase en outubro de 2017 (Editorial Bolanda) e ten unha magnífica acollida entre os lectores, mesmo chega a ser o libro máis prestado en 2018 na biblioteca central de Vigo. En abril de 2019 publicase a segunda entrega da serie Vicvs. O título deste segundo libro é Un lugar aquelado. (Publicada xa a segunda edición).

Texto: Bio cedida polo autor

Imaxe: M. Moralejo. La Voz de Galicia.

- Cal é o xerme de VICVS?

A idea de escribir unha novela xorde na derradeira semana de 2012, cando no meu maxín “aparece” a historia que quería contar. Despois, botei catro anos a escribir esa historia e decateime de que ese primeiro libro precisaba dun segundo e que era posible facer una serie. De aí xorde VICVS como serie de novela negra.

Capa de Vicvs. Un lugar do común. (Bolanda, 2017)

- Cal foi a razón da elección de dous lugares tan opostos como unha metrópole como Vigo e a Serra do Suído?

Foi una elección doada. Eu, malia que xa teño os meus anos… son un novato nisto da literatura. Polo tanto, precisaba certezas e pisar un terreo firme. Daquela, o territorio das tramas tiñan que ser coñecidos (físicamente) por min: Vigo, é a cidade onde vivo e a serra do Suído por ser a terra dos meus devanceiros. Ademais, eu quería que as tramas de Vicvs non fosen só urbanas (como decote acontece no xénero negro). Quería resaltar o contraste: urbano/rural, presente/pasado, montaña/ría.

- Un aspecto importante nesta saga é o tema da emigración galega…

É. Por una razón ben simple: a emigración está no cerne da miña familia desde hai máis dun século (se cadra, máis), como tamén o está en moitas familias galegas. De feito, eu son produto desa emigración e son fillo de emigrantes galegos que naceu no Uruguai e regresei aos nove anos. No primeiro libo, algúns personaxes están emigrados en Venezuela (unha localización tradicional da emigración tradicional do século pasado). No segundo libro, xa aparece unha nova emigración de galegos a Europa (actual). No futuro…

- A súa obra está considerada novela negra. Estás contento coa etiqueta?

Estou. Penso que cumpre os parámetros dese xénero. Con todo, tanto me ten como se denomine: policial, negra, trhiller…

- Que opinión lle merece este fenómeno “Vigo Noir”? Moitos autores non están moi dacordo con este chamado “boom” da novela negra viguesa.

Un amigo comentoume, o ano pasado, que xa eramos varios autoras e autores vigueses (ou non) que situábamos as nosas tramas en Vigo. Ese dato é certo. Hai exemplos claros como o de Domingo Villar, Francisco Castro, Manuel Esteban, Ledicia Costas, Alicia Borrás, Daniel Cid, Elena Gallego Abad, Fran Alonso… Mesmo hai un profesor galego da Universidade de Braga que fixo un estudo acerca dese tema. Ou a Biblioteca Central de Vigo que ten unha etiqueta propia para o “noir vigués”. Pola contra, hai quen non se sinte identificado con ese “termo” como é o caso de Pedro Feijoo e eu, por suposto, respecto o seu criterio. O futuro ha dicir se este suposto “boom” se consolida ou foi todo unha simple concidencia.

- A segunda parte da saga, Vicvs: Un lugar aquelado (Bolanda, 2019), viu fai pouco unha segunda tirada. Agardaba o agarimo co que se recibiu a súa obra?

Pois foi unha sorpresa ben grande. E o mesmo aconteceu coa segunda edición do primeiro libro de Vicvs. Estou ben agradecido. Desde que se publicou a primeira entrega todo foron boas novas e os lectores acolleron moi ben as tramas. De feito, a primeira entrega de Vicvs foi o libro máis prestado en 2018 na Biblioteca Central de Vigo e quedou en segundo lugar o ano pasado. As tramas de Vicvs están en clubs de lectura, na prensa, nas librarías, nas bibliotecas, na prensa… Estou moi contento!

Capa de Vicvs. Un lugar aquelado. (Bolanda, 2017)

- Cantos títulos pensa que terá esta saga de novelas? Será finalmente so unha triloxía?

Actualmente, estou a traballar na terceira entrega de Vicvs. Penso que vou superar a barreira da triloxía e ha de vir unha cuarta entrega, unha quinta… Quen sabe!

- Para rematar. Ten algún proxecto literario en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?

Estou moi centrado nas tramas de Vicvs e... con todo, rematei un traballo literario (moi diferente) que, se todo vai ben, se ha de publicar este ano, mais non podo, polo de agora, dicir nada dese proxecto.

#Entrevistas

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com