Lecturas da corentena (IV): Novela (Galicia Confidencial 3/04/2020)

Nesta cuarta entrega da miña sección aproveito para recomendarvos algunhas das miñas novelas preferidas en lingua galega que se unen as xa recomendadas na miñas dúas primeiras entregas. Novelas que permiten facer un viaxe polo tempo ou polo espazo, lembrar a importancia do amor nas nosas vidas ou reflexionar sobre a crueldade dos tempos pasados e a esperanza de que os futuros sexan mellores.


Fotografías: Lucía González



- María Solar, As horas roubadas (Xerais, 2016)


Xa sinalaba o político e escritor inglés Lord Chesterfield, “Coida os minutos, xa que as horas coidarán xa delas mesmas”. María Solar, coñecedora ou non deste dito, presenta unha historia na que o uso e aproveitamento do tempo é esencial para a acción. O tempo como unha forza inexpugnable contra a que non podemos loitar, senón da que nos debemos aproveitar.


As horas roubadas sitúase na España de 1979, plena transición entre un pasado traumático e o que se cría, un futuro prometedor. Para crear este ambiente, a autora baséase en mecanismos moi ilustrativos a través de referencias a comportamentos ou aparellos tecnolóxicos. Pese a que non nacín nesa época, recoñezo por boca dos meus país ou avós moitos destes pequenos progresos dos 70 e 80, que agora vemos tan normais. Un acerto por parte da autora, xa que atrapa tamén a lectores máis novos.


Os personaxes semellan presos nunha soa escena case teatral, un pequeno cadro no que están moi apertados. Mediante ese mecanismo, a autora crea moitísimas relacións interpersoais con moi poucos personaxes. Con todo, todas esas relacións son moi importantes para a trama principal. Lonxe de ser problemática esta complexa rede, enriquece moitísimo a narrativa. A construción destes personaxes é moi correcta e elaborada. A psicoloxía de personaxes como Roberto ou Damián é moi rica e dota a novela dunha profundidade moi atractiva.


Esta novela propón unha historia de amor e desamor, unha historia na que o tempo é responsable da psicoloxía dos personaxes e dos seus fracasos e triunfos sentimentais. O paso do tempo e a inversión deste, crea estragos nuns personaxes que non colman as súas aspiracións. Para máis interese, propón tres triángulos amorosos moi interesantes, máis ou menos conservadores, pero que teñen conclusións sorprendentes. A través destas relacións sentimentais comprenderemos o panorama social da época e o impacto das novidades nel.


É que As horas roubadas é así, unha historia tan real coma a vida mesma. Unha historia indubidablemente humana e ben construída. Con todo, non podemos esquecer que é unha novela cunha carga feminista evidente, sempre dende a crítica a desigualdade. Sen caer nunha intención moralizante e de simple crítica social, temos un relato sobre o que convén reflexionar. Unha historia de sentimentos e vidas paralelas, que conflúen nunha novela directa na que María Solar "rouba" unhas horas das nosas vidas, coa intención de que gocemos moito máis do resto delas.



- Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera (Galaxia, 2016)


Coido que nesta etapa unha das cousas máis necesarias para nós é o amor. Se queremos ler un autor que fale de amor na nosa lingua, Francisco Castro ten que estar na nosa lista. Amor é unha palabra coma outra calquera é un deses libros axeitados para calquera época.


O autor propón dúas historias e nós, ó modo dos antigos libros de Sigue a túa aventura, debemos elixir cal nos parece mellor. A novela pódese ler erroneamente como unha destas historias de azucre glass das que moitos estamos aborrecidos polo tratamento tan insubstancial e nocivo do amor. Pero tamén, como nos vai convencendo o narrador, podemos virar por outro camiño e tomar consciencia de que amor ten moitas acepcións e a do personaxe principal, non é a correcta.


Nesta historia, Francisco Castro propón ó seu narrador total habitual que desfai e manipula o discurso ó seu antollo. Durante a lectura o narrador sentase ó lado do lector, á mesma altura, cos mesmos medios, e mantén unha conversación con el que o fai partícipe do discurso. Noutras publicacións como SPAM ou Xeración perdida vemos esta voz narradora tan forte pero non coa madurez expresiva e narrativa que atopamos nesta novela. Poderemos declarar, sen medo a cometer un erro, que o narrador total de Francisco atópase nun punto de madurez dende o que só podemos esperar unha produción madura e comprometida.


Carla, a protagonista principal, é unha muller divorciada, de mediana idade que é vítima directa do mal que o amor “falocéntrico” e tóxico produce sobre a sociedade. É un ser alimentado unicamente de pensamentos e sensacións amorosas e o seu discurso é, por iso, impulsivo e obsesivo. Carla presenta as súas lideiras e cavilacións case sen signos de puntuación, o que outorga un ritmo vertixinoso e angustioso ao lector. Pero, en realidade, quen pode facer pausas nos seus pensamentos, sensacións, ou simplemente, en calquera momento da vida?


Este personaxe fainos cómplice dos seus pensamentos e actos, que describen perfectamente unha mente vítima das películas hollywoodienses e das novelas rosas. Unha muller que ten un concepto equivocado do amor verdadeiro, que leva a facer a súa figura pouco atractiva e case baleira. O seu traballo e divertimentos quedan eliminados da súa vida pola necesidade de ser querida, aínda que non sexa da maneira que realmente debe entendelo.


Esta novela trata de presentar o amor dunha maneira beneficiosamente egocéntrica, o amor propio como base para a realización persoal. Levémonos de todo isto unha pequena reflexión. O amor é un concepto que durante os séculos se entendeu de moitas maneiras, extremistas e contraditorias moitas veces, respondendo a realidade de cada pensamento. O noso pensamento é o filtro da visión da realidade polo que todos vemos a vida de forma diferente. Amor é unha palabra que, ó meu xuízo, non ten límites e responde a outros términos como a bondade, amistade e realización persoal. Que é para vos o amor? Unha palabra coma outra calquera?


- Fran P. Lorenzo, Cabalos e Lobos (Xerais, 2016)


Manuel Reyes Mate, un filósofo español que entre outras se adicou a investigación da dimensión política da razón e a historia dos vencidos e os vencedores, dixo nunha entrevista unha frase que para min resulta hoxe lapidaria : "Hai que repensalo todo á luz da barbarie". Con isto querería dicir que o noso deber é reflexionar sobre os feitos que deron orixe a esa barbarie para non cometelos no futuro. Non podemos esquecer. Quero incidir nesta cita pola importancia que ten na novela que trato hoxe.


Cabalos e lobos é unha reflexión sobre o terror da época, os totalitarismos e as atrocidades que cometeron os seres humanos. O interesante é que non vemos nela os síntomas nin a atrocidade máis directa, senón que é unha novela que incide no que ninguén ten en conta. Esta novela repensa o concepto de atrocidade e de barbarie e lévaas o plano máis íntimo e microhistórico da sociedade.


Paula é o nosa protagonista principal. Unha muller cunha vida triste e melancólica onde a única nota de luz pona o seu fillo. Non coñece en realidade os membros da súa familia e mantén unha relación distante con eles. Nesta historia coñecera moitos deses segredos que perturban a súa vida e relación cos demais, e descubrira todos os misterios en relación co seu pai e un tal Bruno. O mellor deste personaxe é ó seu interior. O autor fai ver o seu desengano vital, as súas frustracións e a dureza do seu pasado. Paula pasa polos anos pero estes non fan incidencia algunha nela, continúa sendo esa nena de quince anos.


Vigo, como ven sendo habitual en moitas novelas galegas, convértese no espazo máis importante da novela. A súa importancia radica en que é o lugar onde semella que nada pode pasar e, sen embargo, que agocha os máis escuros segredos. Como vigués, agradezo o tratamento e o detalle que se lle da a descrición da cidade e a sociedade. O autor reconstrúe a cidade e dálle ese aroma da época, tan necesario para crear unha ambientación convincente. Vigo e, sobre todo, a casa de Gran vía nº2 son, por iso, tamén personaxes principais na novela.


O tratamento da homosexualidade e a súa represión e rexeitamento pola sociedade tamén está presente na historia. A relación de Álvaro e Bruno estará sempre marcada pola traxedia da consideración dos seus actos pola sociedade. O marcado fervor católico da sociedade e o conservadorismo social levará ós dous amantes a manter unha relación oculta e que sempre atopará pedras no camiño. O amor sempre será a súa arma contra unha sociedade que os repudia.


Respecto á estrutura, esta novela ten unha construción moi interesante baseada na utilización de flashbacks e cartas, xunto con unha narración presente moi ben traballada. Cabalos e lobos semella unha escolma de diarios persoais dos que se extraen anacos das microhistorias dos personaxes que encaixan a perfección coma un crebacabezas. A prosa de Fran Lorenzo é moi agradábel e transmite cun léxico sinxelo, ideas que son froito de moita reflexión. O seu estilo demostra un especial gusto por afondar na psicoloxía, na identidade e nos pensamentos dos seus personaxes.


A crueldade do ser humano, a necesidade da verdade e os sentimentos dan forma a unha boa historia. Unha reflexión sobre a cara oculta da barbarie e os seus efectos a posteriori. Cabalos e lobos repensa unha época tráxica da historia da humanidade a través da dureza da represión que a escuridade fai sobre a luz.


- Vanesa Santiago, A vida sinxela de Marcelo Firmamento (Galaxia, 2017) Premio Illa Nova 2017


A sorpresa para moitos foi maiúscula cando Vanesa Santiago fíxose co primeiro premio Illa Nova convocado pola editorial Galaxia. A autora, que so tiña unha "voluminosa" e moi recomendable novela en Urco Editora, Ninguén Lembra (2013) e varios relatos e textos en Contos estraños e outras publicacións colectivas, presentou unha novela que cativou o público e a crítica. Tras ler esta novela teño que dicir que eu súmome as boas opinións sobre a mesma.


A vida sinxela de Marcelo Firmamento é un libro cun título tan curioso como axeitado. Marcelo é un rapaz que goza dos praceres máis mundanos da vida pero que sen embargo ten unha forte ansia por crecer e coñecer mundo. É evidente que Marcelo ten estrela e o seu destino é diferente. Representa perfectamente o espírito do pobo galego, sempre respectuoso e namorado do seu pasado pero con poder para loitar nun futuro alleo. Todo o libro ten ese aroma salgado e os lectores navegan nun barco que segue a Marcelo por toda a xeografía do mundo. Unha viaxe chea de vaivéns onde a nobreza e tenra figura do de Sada conquista ó que le.


A viaxe de Marcelo é inseparable da tradición, da mitoloxía e das lendas propias do pobo galego. Sen embargo, estas non son simples referencias. Vanesa Santiago tece unha historia aparentemente sinxela onde todo estes elementos están en contacto sen chegar a chocar. O pegamento neste caso é o xénero do realismo máxico, aínda que é evidente que hai trazos que recordan á estrutura da tradición oral e o relato máis clásico.


Sen dúbida este libro ten que ser tido moi en conta. Se non vos convencen os meus argumentos, creo que debedes de ler unicamente o fermoso primeiro capítulo desta novela, unha alfaia do texto. Non hai mellor forma para a estrea do premio Illa Nova que cunha historia tan fermosa, ben construída e que convida ó lector a unha longa travesía pola esencia do pobo galego.


- Antonio M. Fraga, A virxe das areas (Embora, 2017)


Na famosa obra de Italo Calvino, As cidades invisibles (1972), atoparemos a seguinte cita: "A cidade non relata o seu pasado, conteno como as liñas dunha man, escrito nas esquinas das rúas, nos ferraxes das ventás, nos pasamáns das escaleiras, nas antenas dos pararraios, nos mastites das bandeiras, cada segmento sucado a súa vez por rabuñaduras, cortes, incisións, comas.” O que sinala o autor italiano acáelle moi ben a Vilar de Sembra, unha pequena vila galega onde o silencio e a inexistencia dun relato público converte calquera suceso en incomprensible e case mitolóxico.


En A virxe das Areas de Antonio M. Fraga temos unha historia na que a vila e os seus habitantes viven na voluntaria ignorancia. Todos eles agochan algo que afecta a historia persoal dos demais e iso fai que moitos dos casos e problemas que aparecen na cidade non teñan explicación. A estrutura da vila supón un conxunto de elementos doutras realidades que o autor coñece, por iso aínda que non é real, semella moi realista. Durante esta historia faremos un roteiro pola vila e a súa historia oculta grazas a Paco Souto e outros personaxes.


Xunto co realismo de Vilar de Sembra o que máis sorprende da novela é a estreita relación entre natureza e feitos. O tempo atmosférico vese afectado polos distintos sucesos e interaccións dos personaxes. A néboa, a escuridade e a chuvia aparece cando as situacións son negativas ou en momentos clímax da acción. Sen embargo neste fragmento, que supón a primeira aparición de Paco, o ceo é limpo e azul, que simboliza a esperanza.


A estrutura do libro é compacta debido a boa decisión de organizar o libro en capítulos curtos onde as perspectivas e o narrador varían pero sempre mantendo a unidade temática e estrutural dos textos. As tramas están ben levadas e fan que o lector estea en tensión en todo momento. É evidente que, voluntaria ou involuntariamente, esta novela ten influencias do realismo máxico xunto coa realidade da Galicia máis profunda. Unha combinación de elementos que manteñen unha estreita e correcta relación no texto e que aportan unha atmosfera peculiar ó relato.


En resumo, A virxe das areas é un libro moi entretido que calquera lector devora con ansia en poucas horas. Unha lectura ideal para esta época pola súa breve extensión, interesante trama, a excelente construción da atmosfera e os espazos, e a perspectiva crítica sobre a historia tanto real coma desta peculiar vila.



- Diego Ameixeiras, A crueldade de abril (Xerais, 2019)


Diego Ameixeiras está de volta cun libro que, sen dúbida, é todo un ambicioso exercicio literario que merece un posto privilexiado entre toda a súa obra publicada. A crueldade de abril é un deses libros dos que un non pode saír indiferente.


O libro estructúrase en tres partes (amor, odio e vinganza) que representan perfectamente ese fío decadente da existencia tanto dos personaxes desta novela como da nosa sociedade actual. Esta estructura permite introducir distintas voces e temporalidades para contar unha historia que semella caótica de primeiras, pero que se pecha con maestría.


Todos os personaxes do mundo concibido por Ameixeiras son realmente noxentos tanto na súa concepción como nos seus actos. Este libro presenta personaxes viscerais dunha violencia discursiva terrible e cunha patente obsesión pola sexualidade que chega a un nivel primitivo e puramente biolóxico. Non hai ningún personaxe nin masculino nin feminino que aporte un ápice de luz á trama, mesmo o final remata por rebentar a derradeira burbulla de esperanza que pode ter o lector na sociedade.


Este libro é case unha poética da crueldade e, sen embargo, non se detén en reproducir textualmente a violencia explícita. Ameixeiras consegue que o libro recenda a crueldade e non presente unha pornografía da violencia nin contido considerado "gore". Parte do mérito diso tamén corresponde a que a gran crueldade da trama atópase na psicoloxía, en temas como a violencia de xénero, os abusos, as relacións tóxicas ou de mutua necesidade e a corrupción humana ante o capital. Todos estes temas preséntanse dende un punto de vista moi realista e pouco literaturizado.


Penso que para moitos lectores pode ser conflictivo convivir con esa brutalidade e inmoralidade da trama e os seus personaxes, pero considero que iso é parte do arriscado do libro. Ameixeiras presenta a podremia que rodea ós seus personaxes dende as súas voces e iso condiciona moitísimo rexistro e discurso. O resultado considero que é moi bo, mais non apto para todas as sensibilidades.


É o de Ameixeiras un libro que xoga voluntariamente co inmoral, cheo de crítica social e unha trama aditiva, mais tamén un compendio dos elementos "sucios" do día a día. Todos eles analizados dende unha ollada determinista e cínica da sociedade na que vivimos.



(Este artigo publicouse no diario online Galicia confidencial o 3 de abril de 2020)


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com