Daniel Ugarte: "Esa imaxe mítica que creamos os emigrados sobre a nosa terra de orixe era algo



Nado en Santiago de Compostela en 1981, Daniel Ugarte é licenciado en CC. Políticas e especialista en Dereito da Propiedade Intelectual. Desde 2007 reside en Bruxelas onde traballa como xestor de programas europeos na Axencia Europea para as Pequenas e Medianas Empresas (EASME). Membro da Asociación Couto Mixto de Bruxelas, Daniel Ugarte é un dos responsables da organización de eventos que teñen como obxectivo presentar a cultura galega contemporánea na capital belga. En 2019, publicou a súa primeira novela, “O coala” (Edicións do Peirao).


Texto: Biografía do autor en Biosbardía

Fotografías: Cedidas polo autor.

- Cal é o xerme de O Coala (Do Peirao, 2019)?


Na novela hai dúas historias e cada unha ten unha orixe diferente.

Por unha banda, esta a historia do coala que aparece nun eucaliptal galego. É algo no que pensei hai xa moitos anos. Parecíame que podía dar nun relato de humor xeitoso. E non debín ser o único! Hai tempo tamén, Adega enviou unha nota de prensa nese sentido polo Día dos inocentes. O Faro de Vigo tragara a trola. Publicouna, e nos comentarios do xornal xerouse un debate pavero sobre os que estaban a favor ou en contra do repoboamento de coalas en Galicia.

Contodo, a historia principal é a da familia galesa que se instala en Santiago. Thomas, o pai, é falante de galés e é nesa lingua na que educa o seu fillo, mesmo en Galicia. A orixe desta idea foi a reflexión dunha parella amiga que, coma min, educa o seu fillo en galego pese a residir en Bruxelas. Eles dixeran que pensaban estar criando o seu cativo nunha mentira. Dicíanlle ao neno que o idioma que falaban na casa era a lingua dos galegos. Porén, cando volvían de ferias a Galicia, case ninguén lle falaba ao rapaz nese idioma. Esa imaxe mítica que creamos os emigrados sobre a nosa terra de orixe era algo sobre o que quería escribir. Iso si, quería camuflar algo a reflexión. Foi por iso que non usei como eixe un galego emigrado, senón un estranxeiro que puidese sufrir unha situación semellante (o galés a respecto do inglés) e que viñese vivir a Galicia. Hai unha frase na novela que se refire a iso. Os galegos sempre falan de como senten "morriña" cando se encontran no estranxeiro. Pero penso que nunca escoitara falar de Galicia como dun lugar no que calmar as saudades doutras terras.



- A historia reflexiona en parte sobre o feito da reacción da poboación cando a súa propia realidade cotiá sufre un proceso de extrañamento. Sen dúbida algo moi propio destes tempos que vivimos…


Gústame a literatura que aborda temas serios desde o humor. Tamén era un formato no que me sentía cómodo escribindo, o que é moi importante para un autor novel. Pensei que resultaría atractivo contrapoñer algo que en Galicia moitos odian, os eucaliptos, con algo que a todo o mundo lle resulta fermoso. Hai algo máis riquiño que un coala? O interesante é que non podes ter só a cousa a priori positiva. Vai necesariamente coa outra. Creo que o mundo é moi complexo e as historias de bos e malos non adoitan convencerme. Sempre que alguén me di que leu O Coala pregúntolle se considera que a historia acaba ben ou mal (no sentido de se é ou non socialmente desexábel). Para min é importante que a xente teña opinións diferentes ante esa pregunta.


- Se tivese que definir a personaxe de Thomas Reed en poucas palabras. Cales serían?


Thomas é un nacionalista galés bastante pragmático. Tanto, que non ten problema en traballar facendo unha cousa que detesta, aprenderlle a lingua inglesa a outros. É tamén alguén moi observador, que prefire falar dos demais a contar moito sobre si mesmo. Foi por iso que o escollín como narrador. Contodo, diría que a protagonista de O Coala é a súa parella, Lizzy.


- Como definiría o seu proceso creativo como autor?


Sempre tiven a capacidade de pensar nas miñas cousas mentres fago tarefas da vida cotiá. Moitas dos capítulos de O Coala ocorréronseme cando facía cousas nada literarias. Por exemplo, a historia das cebras xurdiu porque nun dos parques infantís aos que vou cos nenos hai unha cebra de madeira. Logo é simplemente cuestión de atopar tempo de levalo á pantalla, co google, a wikipedia e o dicionario da RAG sempre abertos.

A outra cousa que penso define o meu proceso autorial é que gusto de dar a ler o que vou escribindo a xente de confianza, para saber que é o que non vai como debera. En O Coala, por exemplo, os cinco ou seis primeiros capítulos tiven que rescribilos case enteiros, porque unha boa amiga mos masacrou. E o resultado foi claramente mellor.


- Esta é a súa primeira novela publicada. Como viviu o proceso de publicación?


Non só foi a primeira novela. O certo é que non escribira nada literario desde a adolescencia, co cal o meu coñecemento do mundo editorial era nulo. O primeiro que fixen foi presentar O Coala a un premio literario apoiado por unha editorial (o Viadutos). Pensaba que se lle enviaba o mecanoscrito directamente a Galaxia ou a Xerais, non o ían ler. Como nin gañei, nin a esa editorial lle interesou, probei con Do Peirao e, debo admitir, a experiencia non puido ser mellor. Estarei sempre agradecido a Borja F. Caamaño. Fixo un traballo magnífico co meu libro. Recomendo Do Peirao a calquera autor novel interesado en ter o seu traballo nos andeis das librarías galegas. Ocúpanse de todo. Ti só tés que preocuparte deescribir e, moi importante, de darlle publicidade á obra.


Fotografías do escaparate e presentación na libraría Os mundos de Carlota.


- Inevitable é tamén comentar que de cada libro de O Coala que se vende, un euro é para as Brigadas Deseucaliptizadoras…


Cando un autor descoñecido publica nunha editorial pequena cómpre pensar en xeitos diferentes de darlle visibilidade á obra, non? Nos agradeementos da novela comprometinme cos lectores VIP (aqueles que mercaron o libro na campaña de pre-venda) a eliminar algúns eucaliptos dos montes galegos. Foi por iso que contactei co Joam Evans e lle propuxen a colaboración. Penso que Verdegaia fai un traballo fantástico coas Brigadas. O que a min máis me convence da iniciativa é que é moi efectiva sen caer na coercitividade. Non é simple obrigar a un particular ou a unha comunidade de montes a mudar eucaliptos por especies que teñen unha comercialización dubidosa. Mais se son os propietarios deses terreos os que queren sair do monocultivo para pasta de papel, a sociedade civil debe facilitarlles a tarefa tanto como sexa posíbel. Mellor non agardar pola Xunta, non vaia ser que os propietarios cambien de opinión entretanto.


Xustino no tren camiño da Feira do Libro de Vigo.



- Agora mesmo participa no torneo de Duelistas de Biosbardía. Unha iniciativa xenial, mais quizá moi intensa polo traballo constante que supón. Como valora ata o momento a experiencia?


Moi divertida, a verdade. No inicio dubidei se participar porque non sabía se daría o nivel. Nunca escribira relatos tan curtos. Porén, a miña primeira historia, O oso Bilardo, tivo moi boa acollida e, durante uns días, crinme unha mestura de Saramago e Tolstoi. Co segundo relato chegaron as críticas e aí deime de conta do grande reto que supoñen este tipo de concursos. Non é tanto a necesidade de escribir rápido (na fin é apenas unha folla), senón o feito de expor o teu traballo á opinión dos outros. Cando presentas unha obra a un premio literario, só recebes comentarios se gañas. No Biosbardia, mesmo se os outros concursantes adoitan ser cordiais nas súas críticas, ler que tal cousa falla, que o título non convence, ou que o que na túa cabeza era xenial, a outros lles parece mediocre, é complicado de asumir. Mais opino que é tamén moi necesario. Axúdache a mellorar e báixache os fumes. Ideal para escritores!


- Se tivese que recomendar algúns títulos en galego. Cales serían?


Vou mencionar apenas autores vivos, a ver se teño a sorte de que algún lea a entrevista e me convide a un café. Comezo por catro clásicos: A nosa cinza de Xavier Alcalá, Grupo Abeliano de Cid Cabido, Herba Moura de Teresa Moure e A praia dos afogados de Domingo Villar. Tamei adorei Os Kowa de Xavier Queipo, O globo de Shakespeare de Jaureguizar, Organoloxía de Eva Moreda e, dos últimos publicados, o Carrusel de Berta Dávila e o Rueiro da Cidade Escura de Patricia Janeiro. Dentro da coleción de Do Peirao, recomendo especialmente Que vén Kokolka de Rubén Anido e Siradella de Diego Casal.

Finalmente animo a subscribirse a algunha das editoriais galegas especializadas en tradución, Rinoceronte, Hugin e Munin ou Irmáns Cartoné. Fan un traballo magnífico e a min, persoalmente, axúdanme a mellorar o meu coñecemento do idioma.


- Para rematar. Ten algún proxecto literario en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?


Teño! Vai mediado, así que conto con poder publicalo en 2021. A idea é presentalo a algún dos premios literarios dese ano, mais se Francisco Castro ou Fran Alonso están interesados nel, é só falar. Pola miña parte, comprométome a non facerlles perder cartos. Nesta ocasión estou a usar a Clara do Roxo como revisora crítica e penso que o resultado está sendo moi bo. Honestamente, penso que a editorial que aposte por el case vai poder imprimir o mecanoscrito. Para esta segunda obra mudei a escea da terra de orixe á terra de acollida, así que estou facéndoo traducir a francés, xa que me gustaría poder publicalo tamén en Bélxica. Vamos, que levarían unha obra de calidade xa editada e sen custe de tradución. Todo vantaxes!



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com