Recensión: Silvia Penas, Fronteira Paraíso



Título: Fronteira Paraíso

Autora: Silvia Penas

Editorial: Urutau

Nº de páxinas: 64 páxs

Sinopse:


A foto desenfocada de Paraíso non deixa fechar os ollos. Como será durmir nun un lugar que non é lugar? É un tempo, de noite? É a idelización que todas herdamos materializada nunha casa, unha fiestra, un xardín…Unha diana contra a que o propio amor dispara a matar.

Idilio terrible por impronunciable, querer traducilo a palabras e converter a experiencia da escrita en ritual. A lectura é catártica e, desde o fondo do escuro, ilumina.

O poema é gritar salvaxemente e preguntarse como domesticar a frustración, é escribir o corpo e trazar un río-límite sobre o territorio informe da vida, é «limar a lingua, limar os labios» de desespero para chegar á fronteira e desfacela.

Franquear as múltiples portas deste poemario, entregarse ás palabras, é bucear na superficie ou planear na profundidade; confrontarse coa herdanza colectiva que construíu un paraíso equivocado, «e nada máis/ e isto é moito e pouco/ e nada máis».

Sorprendente e extremadamente intenso este libro de Silvia Penas, autora que xa coñecía polo seu traballo no colectivo Cintaadhesiva é cuxo libro chegou as miñas mans nesta época de inestabilidade. É sen dúbida un libro especial que merece unha lectura interesada e cómplice e do que me gustaría sinalar as súas bondades.


Neste poemario Silvia Penas explora, entre outros temas, a construción da identidade a partir de bases ou lugares que moitas veces nin sequera son sólidos. Apela ó dinamismo da sociedade e estuda a memoria coa intención de buscar nela aqueles elementos estables para estudar o eu.


Así era Paraíso:

unha serie de liñas simulando ceo, a casa con fiestras debuxadas, o revestimento firme , vistoso;

un meniño branco, unha árbore breve, rostros nas fotos moitas fotos.

Todo era instante, todo quietude; se me movía, o paraíso

estaba perdido.


A nosa vida constrúese neses non espazos que moitas veces son intercambiables e son aquilo que nos define. Precisamente por iso moitas veces chocamos con estes muros fronteirizos e baixo situacións que non podemos controlar. Silvia Penas fai evidente estas liñas que limitan e que non podemos cruzar e constrúe uns intensos textos de fronteira nos que reflexiona sobre a nosa esencia e o concepto de pertenza.


Es coma unha rocha-paxaro,

algo imposible de pensarse. O teu voo é o dun cego cara á luz: inténtalo e loitas contra o aceite sobre o mar, loitas contra o diñeiro e tratas de limpar a febre subindo a antigos barcos, nadando sobre a liña que contén a vida na superficie do océano. Pero cospes no cansazo na vontade cedida no golpe xa asestado cospes cos teus ollos delimitados polo xefe dun imperio. Es coma unha rocha-musgo, duro e húmido na superficie, pareces dócil. Es dúas cousas e por iso innomeable, es moitas cousas e por iso innomeables.


En resumo, o de Silvia Penas é un libro de poemas constituído por textos combativos no que reflexiona sobre a constitución do eu e o concepto de fogar. Un texto de lectura catártica. Recoméndovos ler estes textos de forma reflexiva e escoitalos aquí.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com