Ana Abad de Larriva: "A natureza presenta metáforas e ensinanzas preciosas que podemos aplicar



Ana Abad de Larriva é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutoranda en Comunicación na Universidade de Vigo, desenvolve a súa investigación no eido da teoría teatral e publica artigos especializados en artes escénicas en diferentes medios, compaxinando o seu labor no campo da comunicación coa creación escénica e literaria, así como coa docencia.










Foto: David Rodas

Texto: Bio na web de Galaxia.


- Cal é o xerme de A sombra das árbores (Galaxia, 2019)?


Houbo varios xermolos que me levaron a desenvolver A sombra das árbores. O principal era a vontade de elaborar un texto teatral que fose máis alá do drama, que fose aberto e que servise como punto de partida non só para un futuro traballo de creación escénica senón tamén para poñer o foco na exploración dos diferentes elementos escénicos; en especial, o corpo e a voz, para que puidesen ir máis aló do texto en si mesmo. O feito de especializarme en interpretación xestual tamén tivo que ver nesta vontade de darlle ao corpo e á voz outras posibilidades, de xerar dramaturxias que tendesen a man aos xeitos de explorar e crear do teatro físico. O texto buscaba xerar sensacións, texturas, e vertebrar un percorrido, unha viaxe. A miña forte conexión coa natureza dende nena así como coa poesía debuxaron o camiño sobre o que situar todo o anterior.



- Con este texto recibiu o premio Roberto Vidal Bolaño e ademais é o seu primeiro texto literario. Supoño que dobremente feliz…


Estou moi feliz e agradecida. A creación literaria acompañoume durante diferentes etapas da miña vida, dun xeito moi persoal, aínda que foi A sombra das árbores o primeiro texto literario que, a pesar de conter moitos elementos persoais, ía realmente dirixido a ser ofrecido e, por iso, si, síntome dobremente feliz, de ofrecer e de, ao mesmo tempo, recibir.




- A sombra das árbores é un texto que non ten nada que ver co teatro convencional. Cre que iso é unha vantaxe ou inconveniente para a recepción del por parte do público?


Creo que é máis difícil achegarse a el de primeiras, se non se coñece, en canto a que non se encadra dentro das “etiquetas” convencionais, non hai unha historia, que é o que a xente máis adoita preguntar: “cal é a historia?” ou “de que vai?”; pero tamén ofrece algo diferente e que non é habitual atopar: unha viaxe de exploración e creación non só escénica, senón tamén persoal, tanto para quen o colla coa vontade de poñelo en práctica nun laboratorio teatral, como quen simplemente queira lelo. Cando se produce o achegamento, a resposta ten sido moi positiva, en moitos casos tamén por parte de persoas que non adoitan achegarse aos textos teatrais e que non teñen vínculos co mundo do teatro, mais que conectaron moito coa viaxe poética da peza.




- O texto reflexiona sobre as relacións humanas case dende un punto biolóxico e o contacto coa natureza. Temas que hoxe son imprescindibles de comentar…


Coido que si. Para min a arte non pode nin debe fuxir diso, da conexión coas relacións humanas e do contacto e o respecto pola natureza, ou reflectir a falta deles. Ademais, a natureza presenta metáforas e ensinanzas preciosas que podemos aplicar ao noso desenvolvemento como persoas.


- O libro está a ser moi ben acollido pola crítica, de feito estivo na tabela dos libros como libro máis recomendado. Agardaba esto do seu primeiro título publicado?


A verdade é que polo tipo de libro que é, un texto teatral non convencional que, aínda por riba, é moi poético, pensei que o tería difícil para ser ben acollido, así que me aledo moitísimo de que non fose así, e estou moi agradecida á crítica polo trato e agarimo que tivo con el e máis, como dis, sendo o meu primeiro libro publicado.


Presentación do libro na libraría Librouro en Vigo. Foto: David Rodas


- Como autora e estudosa do teatro. Como valoras a situación do teatro en Galicia na actualidade?


O teatro en Galicia atópase nunha situación delicada e máis coas consecuencias da situación excepcional en que estamos, con esta crise sanitaria, para o sistema teatral e o sistema editorial. Mais xa era algo que se cinguía sobre el moito antes, co recorte ou supresión de axudas e coa falta de mimo institucional cara a esta arte. É unha mágoa porque hai grandes profesionais que están a xerar traballos escénicos moi interesantes e de grande calidade, que mesmo teñen recoñecemento fóra de Galicia; hai textos teatrais magníficos... pero é moi difícil traballar e avanzar se non hai un compromiso sistémico por parte de todos os axentes implicados. É moi complicado acceder ao sistema teatral por parte dos novos e novas creadoras escénicas; escribir teatro e, especialmente, escribir sobre teatro (investigación, análises e críticas de espectáculos...) é un exercicio de amor incondicional, porque se fai, nunca mellor dito, e en todos os sensos, por amor á arte, xa que non hai apoio institucional.


- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?


Teño algúns proxectos bastante avanzados mais, por agora, non podo aínda falar deles. Espero que moi pronto poidan ser compartidos.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com