Arantza Portabales: "As voces do contestador non teñen filtro, non temen o xuízo alleo"


Arantza Portabales (Donostia, 1973) é filla de emigrantes galegos que retornan a Galicia no 1985 (Marín). Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Iníciase como escritora no ano 2013, cultivando o xénero do microrrelato, tendo participado en libros colectivos. A súa primeira incursión na narrativa galega prodúcese con Sobrevivindo, novela que resultou gañadora no verán de 2015 do XV Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia e que foi publicada pola editorial Galaxia en outubro dese mesmo ano. En outubro de 2017, publicouse a súa segunda novela. Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Editorial Galaxia), que foi traducida a varias linguas e levada ao teatro pola compañía Tanttaka. En maio de 2019 publicou a novela negra Beleza vermella (Editorial Galaxia).


Texto: Biografía da autora na AELG

Fotografías: cedidas pola autora

- Cal é o xerme de Deixe unha mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017)?


En xaneiro de 2016 escribín un microrrelato para unha web na que adoito participar: Esta noche te cuento que coincidía substancialmente co primeiro capítulo da novela. Cando o rematei decateime do incrible que era atopar unha voz literaria tan libre, tan sincera, tan exenta de ataduras. As voces do contestador non teñen filtro, non temen o xuízo alleo. Comprendín nese intre que acababa de atopar unha voz, un xeito distinto de contar unha historia. Non hai nada máis atractivo para un escritor que isto.


- Deixe unha mensaxe despois do sinal é, na miña opinión, unha historia de historias e sobre todo unha historia que fai notoria a necesidade de crear lazos e armar redes femininas e feministas…


Non o escribín con intención de nada. Pero non se pode negar que é unha historia con voz de muller, con ollada de muller. Fala da nosa visión do mundo. De como vivimos a nosa relación cos homes que están moi presentes na historia. De como sentimos a vida, a morte, o amor, o abuso, a maternidade, o xuízo social, a enfermidade mental. Se é feminista reivindicar o lugar e a opinión da muller dentro da nosa sociedade, éo.


- Esta novela non so está publicada en galego, senón que xa está dispoñible noutras linguas. Como valora este feito?


Coido que algún día botarei a vista atrás e serei quen de comprender o que supuxo isto. Neste intre, tento non pensalo moito, para non sobredimensionalo. O primeiro que me acode á mente cada vez que un lector de Israel, Italia ou Alemaña me escribe falando das mulleres do contestador, é unha sensación de orgullo. O orgullo de ter creado unha historia de sentimentos universais. O amor, o medo, a morte, a maternidade, a necesidade de comunicarse, o temor a soidade, son comúns a todos nós, non entenden de barreiras, de fronteiras ou de idiomas.


- Normalmente vostede escribe microrrelato e outras variantes da microficción. Como se enfrontou de primeiras a idea de escribir textos tan extensos?


Pois sinto que fixen trampa (risas). Do microrrelato saltei á novela por entregas, e despois a Deixe a súa mensaxe despois do sinal, que é unha novela pero está escrita con 120 mensaxes ao contestador. Nese senso sentinme moi cómoda porque era coma o funambulista que é quen de camiñar polo fío porque ten a rede debaixo.


- Esta non é a súa primeira novela como tal, xa que tamén gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2015 con Sobrevivindo (Galaxia, 2015)…


Sobrevivindo foi un reto tan grande que aínda agora non sei nin coma ousei acometelo. Por un lado estaban as limitacións das bases do concurso: 31 capítulos de 3.500 caracteres exactos. Por outra banda estaba o reto de enfrontarme á miña voz literaria en galego, que era algo que me daba moito medo, dado que eu nacín e me criei fóra de Galicia o que me impón moito respecto á hora de escribir en galego. E finalmente o feito a deixar atrás o microrrelato e acometer unha novela. Coido que sentou as bases da escritora que son agora: o meu gusto pola descrición breve, polas personaxes femininas fortes, polo emprego do diálogo. Foi unha experiencia incrible, sen esquecer o feito de que me abriu as portas da miña editorial en galego; Galaxia.


- Como nace Beleza Vermella (Galaxia, 2019)? Escribiuna antes ou despois da primeira obra que publicou?


Non, escribina despois de Deixe a súa mensaxe despois do sinal era a continuación lóxica. A necesidade de acometer xa unha narración secuencial clásica. Partín da base de facer unha homenaxe clara e explícita ás novelas de Agatha Christie que lía cando era unha rapaza. Con esa premisa xorde a idea de pechar aos sospeitosos nunha casa, e mestureino co compoñente estético que me portou a obra da escultora Celeste Garrido, que é amiga miña de toda a vida e cuxa arte admiro moito.


- Nesta novela é especialmente interesante que pese a que o asasino é un verdadeiro monstro, todos os personaxes tamén teñen monstros internos que os fan moitas veces case tan moralmente cuestionables como o propio psicópata.


E que todos temos os nosos propios monstros. A nosa vitoria é mantelos á raia. Ninguén recende ben por dentro. Dende sempre, na miña literatura gústame amosar eses recunchos escuros da natureza humana, e aínda me gusta máis facer que os meus lectores empaticen con esa escuridade. Val Valdés ( a protagonista de Sobrevivindo) é un claro exemplo disto.

- Esta é unha novela negra é un éxito de ventas tanto en castelán como en galego. Imaxinou esta repercusión?


Unha sempre intenta chegar a maior número de persoas posibles. Para que escribimos? Simplemente para iso, para contar historias e atopar a alguén que queira escoitalas. Conseguilo, non sempre é posible. Supoño que tiven a sorte de contar con moitos factores que axudaron: grandes editoriais detrás, uns lectores que fixeron funcionar o boca orella, algún prescriptor mediático… Pero chegar a eses milleiros de lectores reconfórtame, sobre todo por un sentido de responsabilidade: non defraudar a toda esa xente que aposta por ti: editores, axente, lectores que invisten o seu tempo e os seus cartos. E despois está o asunto do ego do escritor ( que sempre se di que é inconmensurable e non vou ser eu quen o negue, hahaha)


- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?


Acometín a tradución de Sobrevivindo ao castelán e estou xa a piques de rematar un novo caso de Abad e Barroso que sairá á vez en castelán e galego, igual que con Beleza vermella. Os personaxes pedíanme continuidade pero coma sempre sucede coa miña narrativa, saíume unha novela diametralmente oposta á anterior. Coido que esta nova novela é mais madura, máis escura e moito máis psicolóxica. Finalmente, estou traballando coa Editorial Bululú, que son os editores do meu primeiro libro A Celeste la compré en un rastrillo nun fermoso proxecto de álbum ilustrado que recollerá once relatos dunha compilación “Historias de mentes” que resultara finalista do premio Torrente Ballester e que sairá en galego e tamén en castelán.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com