Berta Dávila: "Hai moitas cousas dentro de Carrusel que non teñen que ver coa dor senón coa pos

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. Tamén foi nomeada pola AGE autora do ano en 2014. Carrusel é a súa máis recente publicación, obra que obtivo o Premio García Barros 2019.

Texto: www.editorialgalaxia.gal

Fotografía: cedida pola autora

- Comecemos cunha idea forte. Que é para a literatura para vostede?


Hai algúns anos lin, nunha entrevista que lle fixeron a Alessandro Baricco na que lle facían máis ou menos esta mesma pregunta, unha afirmación que me parece bastante axeitada. Cando menos non atopei outra que me guste máis polo de agora. El dicía que da literatura, como da estupidez, non hai unha definición senón moitos exemplos. Quero pensar que iso pode extenderse ao que é a novela ou ao que é o poema, e que cando tratamos de establecer marcos fóra diso e de describir o que a literatura é ou o que a literatura debe ser é moi posible que nos queden moitos exemplos fóra. Así que non sabería dicir ben o que a literatura é pero son capaz de pensar en moitos exemplos de literatura que me construíron dalgunha maneira como lectora e como escritora.


- Lembra cando comezou a escribir?


Non sei se me lembro non escribindo en realidade, porque non teño memoria de non saber ler ou escribir e, ademais, como moitas nenas que son fillas de xente lectora, comecei a consumir literatura antes de saber ler. Lembro facer, moi nena, unha colección de tercetos sobre animais acompañados de debuxos. Lembro tamén, con sete ou oito anos, escribir un contiño sobre unhas formigas, ilustralo con debuxos, facer un caderniño dobrando en dous as páxinas de varios folios e copiando o conto en distintas páxinas, cunha cuberta e números de páxina e unha sinopse na parte de fóra. O que quero dicir é que o pulo de contar cousas ou cosntruír poemas chegou a min bastante cedo, e tamén a expectativa de que se convertesen en libros que estivesen nas bibliotecas ou nas librerías, a idea de xogar a que eu era escritora, o que non é nada orixinal. Despois diso sempre seguín facéndoo dunha maneira ou doutra, participando en certames literarios escolares e reservando sempre unha parcela relevante do meu tempo infantil, adolescente e adulto para facer cousas coas palabras e ler as cousas que facían outras persoas. Publiquei o meu primeiro libro bastante nova, o que non sei se é algo necesariamente bo, pero foi así. Daquela na miña memoria da escrita ou do que a escrita significa para min hai unha especie de continuo no que, pese a ser cousas moi diferentes, todo forma parte da mesma experiencia, aquel contiño das formigas ao que lle quixen dar forma de libro e a publicación da miña última novela.


- Como definiría o seu proceso creativo?


Adoito pensar moito neste tipo de cousas e, dalgunha maneira, os procesos de escrita están dentro dos libros que escribo, contados de forma directa ou indirecta. Creo que non hai un proceso senón moitos procesos, porque cada libro comporta o seu propio, e, no meu caso, ás veces difiren bastante. Podería tirar desa analoxía tan usada que é a comparacíón da escrita dun libro cun parto e, nese sentido, unha nai de varios fillos sabe que cada parto foi distinto, e que hai fillos que nacen despois de moitas horas complicadas, e que teñen a cabeza en posturas que dificultan a progresión do parto, bebés que nacen de partos precipitados, nenos que nacen por cesárea e embarazos incipientes que rematan nun aborto involuntario e inxeplicable. O que quero dicir é que non é, para min, un proceso único e que non depende tanto de que a escritora sexa a mesma, eu, senón das diferencias entre os libros.


Debuxo da Berta Dávila (Cedido pola autora)



Por exemplo agora non escribo poemas como antes escribía poemarios dunha forma máis ou menos organizada. Agora non busco os poemas como os buscaba antes, e traballo neles dunha maneira máis despreocupada. Pola contra, desenvolvín estratexias máis metódicas na narrativa, e decátome de que repito determinadas fases ou tarefas. Paso moito tempo co libro na cabeza, tomo infinitas notas pero non escribo nada. Despois organizo o material, fago un esquema bastante preciso do que quero contar, escribo, corrixo. Pero cando chego a ter claro máis ou menos ese esquema do que quero contar é raro que, no curso da escrita, se modifique, e é por iso que esa segunda parte do traballo se parece máis a unha artesanía. A creación do mundo da novela é anterior. A corrección ten máis que ver con eliminar o superfluo, prescindir de materiais, procurar a maneira precisa de dicir. Porén tampouco é así sempre.


Escribín Carrusel ao longo de varios anos nos que tomaba moitas notas, acumulaba material e estaba preocupada porque aquela novela que escribía non era unha novela, non porque sexa un texto autoficcional, senón por cousas que teñen que ver coa andamiaxe do libro. No último ano rematei outra novela que naceu de xeito moi natural, concibín a idea, fun capaz de tomar moitas notas sobre ela en poucos meses, e de saber como quería escribila. O proceso non se parece demasiado, pero son novelas irmás dalgunha maneira.


- Como nace O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2013)?


O xerme desa novela conteino moitas veces porque é curioso. Naceu nun barco, nun Ferry de Livorno a Barcelona ao final dunha viaxe en coche moi longa. O barco era a última etapa, o regreso a casa. E produciume bastante angustia estar pechada dentro daquel barco. Vin unha fotografía de Anne Sexton nunha revista e apareceu o personaxe de Emma Olsen, e pasei o tempo tomando notas, inventando un mundo que aparentemente non tiña nada que ver cun barco cruzando o mediterráneo, pero que en realidade tiña todo que ver coas sensacións que eu tiña: estar no medio dunha amplísima extensión de nada, sentirse confinada, recluída, querer saír, utilizar a literatura para fuxir de algo que nos oprime dalgunha maneira.


O derradeiro libro de Emma Olsen na Fifth Ave (New York). Fonte: (@bertadavila)


- Esta é unha novela que “constitúe” unha tradución dunha outra. Dende a súa posición como autora traballa como “editora” da súa propia novela…


A novela preséntase como unha falsa tradución porque eu precisaba introducir un axente externo ao propio relato de Olsen que completase a historia que ela conta en primeira persoa e revelase á persoa que le parcelas dese mundo que a autora non pode contar. Non é un recurso que me pareza moi agudo, pero é o que atopei para que o relato tivese sentido, e para achegar a información xusta e necesaria para o desenvolvemento do libro. Creo que funciona relativamente ben na novela e concibo a idea de facer unha precuela do libro, un libro de cartas que quero titular "Querida Emma", e que reúne o intercambio epistolar entre Emma e o profesor Montana, o personaxe que representa "a literatura" dentro do libro.


Nesas cartas Emma fálalle ao profesor Montana o que ocorreu despois de abandonar Faith, e hai unha trama que retoma personaxes secundarios que me interesaban na novela, como o de Susan, a parella de Olsen á que continuamente se refire no libro, ou a nai de Emma, que marchou cando ela era unha nena. Apetéceme moito escribilo pero teño medo de que a voz do personaxe se perda. Está nunha especie de limbo, agardo saber que facer con el. Seguramente a publicación próxima da adaptación de "O derradeiro libro de Emma Olsen" a novela gráfica, que fixo Pablo Prado e que xa está no almacén de Galaxia para ser distribuída, me permita revisitar esa historia e me devolva o ton para continuar escribindo esa especie de precuela. Coido que pode haber cousas por contar dentro dese universo.


- Cal é o xerme de Carrusel (Galaxia, 2019)?


Carrusel nace un pouco da imposibilidade de escribir outra cousa que non fose Carrusel. Non porque a escrita teña para min un compoñente místico ou porque pense que os libros se impoñen á autora de maneira ineludible, senón porque me parece certeira a idea de que hai que escribir prioritariamente os libros que non podemos deixar de escribir. E ese non poder deixar de escribilos ten que ver máis coa idea de que quen escribe achega, case como única novidade posible, unha visión do mundo propia. Quero dicir con isto que o novo ou o que fai interesante ler, por exemplo, a Joan Didion, que escribiu unha novela sobre a morte repentina do seu home, non é o tema do loito ou o proceso de loito pola morte dun ser querido, nin sequera a brillantez da escrita de Didion, que envexo moito, senón esa cosmovisión que é única, como é única a de cada quen, ou, de forma máis precisa, a capacidade de trasladar ese mundo propio dentro dun libro, que é un mundo diferente ao de calquera outra.


O que quero dicir, nese sentido, é que hai moitos libros que falan sobre a morte repentina dun ser querido que achegan clixés ou tópicos literarios sobre o que iso comporta, achegan unha historia que xa foi contada porque está fundamentada na colección de ideas que xa existen no imaxinario colectivo sobre esa experiencia, como se dalgunha maneira fose posible facer dous tipos de libro ao respecto: un libro que resuma o que o autor ou a autora coñece sobre o tema da morte da parella, a través dunha trama (que pode ser enteiramente ficcional, enteiramente non ficcional ou un híbrido de ambas, iso é indiferente) e un libro que centre a experiencia de lectura en revelarnos (a través dun personaxe enteiramente ficcional, non ficcional ou híbrido, que de novo volve a ser algo indiferente) unha perspectiva autorial sobre ese tema que sexa propia e que, polo tanto, non estea contada.

Os libros Carrusel e A pel do mundo. Fotografía: @berta_davila


Isto non quere dicir en aboluto que haxa que facer autoficción, non vai por aí o que digo, eu son unha lectora de ficción e gústame traballar como escritora con materiais enteiramente ficcionais. O que quere dicir é que se pode facer unha novela de calquera tipo na que a persoa que escribe selecciona, de maneira máis ou menos acertada, con máis ou menos talento, entre os clixés e os tópicos literarios, entre os sucesos posibles para a evolución da trama, entre as opinións ou ideas ou interpretacións de consenso (ou, pola contra, anti consenso) que existen sobre un tema, e con todos eses vimbios combinados constrúese o libro. Son libros nos que a persoa que os asina podería ser calquera outra persoa ou podería non existir, libros que podería producir o gramatizador automático, aquela máquina marabillosa que inventou Roald Dahl para facer novelas. E logo hai outros libros que responden a unha voz autorial, que son unha proposta de autor. Non teñen que ser libros en primeira persoa nin teñen que ser relatos sobre vivencias persoais, poden ser novelas de robots ou novelas sobre unicornios salvaxes ou novelas sobre unha relación de parella que remata. De calquera xeito creo que me desviei da pregunta, pero a idea fundamental é que eu trataba de escribir unha visión do mundo.


- Carrusel é unha obra que ten moito de vital, xa que xoga entre outros cos límites da dor ou da felicidade. Cal é a diferencia para ti entre literatura e realidade?


Non sei se se pode falar do real e do literario en termos de categorías que se opoñan, porque a literatura forma parte do real. A literatura é un obxecto da realidade e a ficción é tamén un obxecto da realidade igual que o é calquera outro obxecto, tanxible como unha mesa, ou abstracto como a soidade. A literatura, nese sentido, é un obxecto que se inclúe a si mesmo e que inclúe o resto de obxectos non literarios dentro do propio fenómeno literario. A literatura é, a un tempo, representación e obxecto representado. E iso ten moito que ver coas cousas que eu escribo e ten moito que ver, non sei se como causa ou como consecuencia, coa miña experiencia do mundo.

Imaxe promocional: Berta Dávila. Gañadora do Premio García Barros (Fonte: Editorial Galaxia)

- O derradeiro libro de Emma Olsen e Raíz de fenda comparten esa idea de que existen feridas interiores e que co tempo quedan as cicatrices. En Carrusel temos que en si mesma “A vida é unha cicatriz”. Considera a vida como unha loita diaria contra o pasado?


Non son consciente de que en Carrusel se diga que a vida é unha cicatriz. En Carrusel explícase, nun momento dado, que a escrita é unha cicatriz para a protagonista, un resto ou unha marca do paso polo mundo. Tampouco entendo que a cicatriz sexa consecuencia da dor, non o é por necesidade. De feito, as cicatrices son un símbolo tamén de curación. E as cicatrices son ás veces unha marca voluntaria, mesmo artística: as tatuaxes son cicatrices. Entendo a cicatriz como marca. Tampouco me gusta a idea de que o relato de realidades complexas sexa necesariamente ou de maneira exclusiva o relato da dor. Hai moitas cousas dentro de Carrusel que non teñen que ver coa dor senón coa posibilidade de entender e procurar a beleza.


- Escribir ten que ser por necesidade un traballo incómodo?


Dixen nalgún sitio que a miña tendencia é escribir desde lugares incómodos. Refírome con isto a que ás veces o que provoca a escrita é a existencia dunha especie de disonancia con respecto a como explicamos o mundo. A imposibilidade de contar cunha explicación que nos calme, provoca a necesidade de procurar esa explicación, e a escrita é unha estratexia para facelo.


-Se tivese que recomendar algúns libros en galego para unha época como esta. Cales serían?


Agora mesmo recomendaría, por exemplo, ler os traballos de Susana Aríns, Ledicia Costas e Eduard Velasco que son finalistas nos Premios da Gala do libro galego xunto a Carrusel, sobre todo porque son libros moi distintos entre si e, cando menos a min, este tempo pídeme variedade de cousas apetecibles a diferencia doutros tempos en que escollo propostas máis monotemáticas un pouco por rachas obsesivas. E tamén o Atlas de Alba Cid, o Feliz Idade de Olga Novo, o Diario dun enterro de Gonzalo Hermo, a tradución que Oriana Méndez fixo de O amante de Marguerite Duras, para Kalandraka, que eu aínda non teño. E o Frankenstein que traduciu Samuel Solleiro e editou fermosamente Aira das letras, que merquei en decembro e que me aledo moitísimo de ter comigo nesta corentena. E recomendaría tamén unha novela de Emma Pedreira que adorei, e que lin xusto antes de que comezase todo isto: As fauces feroces. E tamén o Rueiro da cidade escura de Patricia Janeiro. E os libros da serie dos Cinco de Ons, de Carlos Meixide, porque é un consolo ler literatura divertida e de aventuras en tempos difíciles. Tamén é tempo para relecturas.

Eu creo que vou iniciar un ciclo de reler a Anxos Sumai, porque é unha desas autoras que funcionan como unha habitación na que queres entrar e quedar moito tempo mirando todo o que aí hai. Non son moi boa recomendando cousas, pero seguro que entre todos estes títulos hai libros que lle poden interesar a alguén.



- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?

Por moito que me guste falar do que escribo ou do que estou escribindo, creo que debería intentar facelo o menos posible. Sempre hai proxectos en marcha, agora mesmo escribo bastante, pero non teño claro cando van finalizar eses procesos nin de que maneira se van convertir en libros ou cando. Agora mesmo estou desexando que poida comezar a distribuírse en librarías a novela gráfica baseada en O derradeiro libro de Emma Olsen, cuxos exemplares están agardando no almacén a que todo isto remate. Despois diso xa veremos que será o seguinte, para o ano próximo.


Berta Dávila contesta a diversas cuestións dos seus lectores no #Caféconcabaliños (Fonte: Youtube)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com