Elba Pedrosa: "Diría que son unha escritora intimista, que tento facer “escrita dende a alma”,


Elba Pedrosa (Santa Cruz de Tenerife, 1973) é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa como consultora e formadora en creatividade e oratoria para institucións públicas e privadas. Colabora con distintos medios de comunicación. É autora de "Despertando la creatividad" e coautora de "Relatos na Rúa II". O que non sabías (Xerais, 2020) é o seu máis recente título.
















Fotografía: Cedida pola autora

Texto: Bio da autora na web de Xerais.

- Cal é o xerme de O que non sabías (Xerais, 2020)?



A necesidade que temos as persoas de atopar toda a verdade da nosa vida, para rematar de vez coas inquedanzas que deixan os misterios, ás veces agochados nas familias, dunha xeración para outra sen que ninguén saiba nada. Neste caso, o silencio que arrodea aos segredos familiares tórnase abondo insoportábel. Silencios por mor, tamén, dos prexuízos e acoutamentos da época na que se desenvolve a historia. Aínda que hoxe, se cabe, podería suceder do mesmo xeito.

Ademais desta necesidade de comprender e atopar sentido de vida, a voz da muller tamén empurrou moito de min para escribir O que non sabías. Sentín que tiña que ser protagonista e contar, neste traballo, os seus segredos.


- Como valora o proceso de escrita desta historia?


Diría que, pola miña banda, foi unha grande oportunidade de aprendizaxe, xa que logo é primeira novela e primeira escrita longa en galego. Supuxo un proceso de creatividade en incremento. Aínda que abordei a escrita cun esquema inicial, onde todos os cabos asemellaban ben anoados, xurdiron tensións novas, ata cambios de perspectiva sobre algún asuntos. Falo de anos de concentración e case que obsesión no manuscrito, momentos da cabeza a bulir, tamén de documentación e observación activa e, dende logo, dunha alta implicación emocional. Non son quen de abranguelo doutro modo.


A autora le o comezo da historia. (Fonte: Youtube)

- Primeiro título que escribe en galego e debuta cunha das editoras máis importantes do país. Cales son as súas sensacións?


Non podo estar máis satisfeita, gratificada, agradecida. Cando andaba na procura dunha editora, sabía que non sería doado acadar a súa atención e confianza. E dende logo non foi. Mais tiña que contar esta historia, e quería facelo tamén na nosa lingua, porque a mensaxe acadaba toda a forza. Nalgún momento estiven a piques de deixala na gabeta e esquecela. Un día o meu editor chamoume para dar a boa nova. Estaba xa esgotada, pero aínda tiven folgos para soltar unha gargallada e mesmo chorar un pouco, si. Xerais é unha das editoras máis serias e profesionais que temos. Síntome moi valorada.


- Lembranzas, erros de xuventude, segredos familiares… Da a sensación que nesta novela temos unha viaxe a parte máis intima dos personaxes…


Diría que son unha escritora intimista, que tento facer -como dicía Platón- “escrita dende a alma”, e engado tamén "dende o silencio". Preciso de moito silencio cando ando na faena, emprego tapóns nas orellas ata cando estou soa e coa porta do cuarto pechada. Penso que así escoito mellor aos que me queren falar dende dentro. Gozo moito dese espir das persoas, dos personaxes, para poder case que apalpalos nunha posterior lectura. Para min é o pracer máximo da escrita, e despois, xa espidos, sinto que podo “movelos” moito mellor ao longo das historias porque mesmo eu acado unha maior conexión con eles.


E dende logo, tamén tiro das miñas lembranzas, pinceladas das vivencias dos meus devanceiros. Case que todos tivemos familiares emigrados alén mar. O meu tío avó, Teodomiro Pedrosa, xestionaba remesas de diñeiro que enviaban as familias dende o Banco del Comercio Hispano Argentino. Tamén lembro das historias, dos costumes, das vestimentas doutros tíos e familiares que viaxaban nos veráns dende Arxentina á casa da miña avoa. No meu caso teño esta pegada da emigración por ámbolos dous lados da familia.


- Se tivese que definir o personaxe de Marisa en poucas palabras. Cales serían?


Muller afouta, soñadora, loitadora, ansiosa de liberdade… Feminista e contemporánea.


- O título tamén faíse eco sobre a posición da muller na sociedade tanto actual como no tempo do relato…


Si, de sempre moitas mulleres víronse na obriga de achantar cousas para poder sacar adiante ás familias e sobrevivir. Tamén tiveron que ocultar outras cousas para que non as sinalaran co dedo e facerse un oco. E tamén calaron para poder ser un pouco máis felices, penso. Hoxe as mulleres non temos que calar tanto como daquela, pero aínda cómpre calar ás veces. Temos que estar moi concienciados e unidos nesta lea que comeza pola educación. Xa está ben!


- O que non sabías sae en galego ó mesmo tempo que a súa versión en castelán publicada por Ediciones Carena…


Unha marabillosa concordancia. Carena axiña amosou o seu interese pola novela, fixo unha grande aposta. De verdade, estou moi feliz e agradecida. Penso que é unha sorte para o lectorado que saia nas dúas linguas, xa que enriquece a lectura. Combinar as dúas versións amplía perspectivas.


- Para rematar. Tes algún proxecto en marcha ou xa rematado do que poidas adiantar algo?


Non son quen de deixar de escribir, teño moito vicio. Nestes días de corentena, veño de dar os últimos retoques ao traballo que comecei hai dous anos. Non podo adiantar moito, aínda está saíndo do forno, pero penso que a miña vindeira proposta é coma unha sacudida, un traballo que dará forza e apoio, en especial, ás mulleres. Estou desexando que saia á luz.




Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com