Lorena Conde: "O teatro e a poesía traducen a experiencia do inefable a unha lingua común"

10/05/2020

 

Lorena Conde (1980, Pontesampaio) Licenciada en Filoloxía e Posgraduada en Arte Dramática. Graduada Superior en Artes Aplicadas da Escultura. Ama os lapis, os cadernos, os libros e, por riba de calquera outra cousa, o teatro e as palabras deitadas en papeis que son unha forza ordenadora e silenciosa ata Entullo, Premio González Garcés de Poesía en 2016). Santa Inés (Urutau, 2019) é o seu último libro publicado. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Texto: Bio da autora en Urutau (modificado)

Fotografía: Cedida pola autora.

- Comecemos cunha idea forte. Cales son según vostede os fíos que conectan a poesía e o teatro?

 

Uiii, paréceme que a iso debería responder alguén que teña máis coñecemento sobre ámbalas dúas artes. Eu, se acaso, o que vou facer agora é enlealo todo un pouco máis. O único que eu podo dicir con total honestidade é que teño a certeza (intuitiva) de que corren mesturadas. Penso que se lograron manterse vivas en tempos moi escuros é porque son quen de traer a un contexto tanxible o que non se ve e tampouco se pode contar doutro xeito. 

En definitiva, para min o teatro e a poesía traducen a experiencia do inefable a unha lingua común que comparten quen fai e quen é tocado por elas.

 

- Cando comezou o seu interese polo teatro? E pola poesía? 

 

É curioso, non sabería dicir no tocante á poesía. Paréceme que, incluso antes das primeiras letras, a poesía xa estaba aí. Nós na casa eramos de misa de domingo e a min as escrituras sempre me pareceron maxicamente fermosas, creo que pola poesía precisamente. E a poesía non tardou en vencer á fe porque explicaba mellor as cousas.

En canto ao teatro, seino perfectamente: o 11 de maio de 1991 ás 6.30 da tarde o meu veciño Luís levoume a ver un espectáculo duns colegas seus da facultade de maxisterio (Kalandraka empezou aí, sospeito) ao Teatro Principal de Pontevedra. Podo ser tan precisa con isto porque aínda gardo o programa de man como ouro en pano. 

Ata ese momento eu primeiro quixera ser escritora pero logo fun ao circo e mudei a trapecista. Finalmente quedei enfeitizada polo teatro e, ademais, pareceume bastante máis factible có do trapecio.

 

- Como definiría o seu proceso creativo?

 

Penso que só de pode definir como anárquico e dilatado. 

Son indisciplinadísima e cánsome axiña das cousas cando vexo que non avanzan, por iso sempre teño varias marchando ao tempo; unhas límpanme o padal das outras para que poida volver a elas coa cabeza fresca. 

Amais diso teño moitas dificultades para dar os traballos por rematados. O teatro cúrame bastante deste vicio porque hai datas límite e xente agardando polo meu traballo para poder facer o seu. É triste, pero se non hai presión, podo pasar anos a limpar os textos. 

 

- No 2017 publicou o libro de poemas Entullo (Deputación de A Coruña, 2017) co que recibiu o XVIII edición do premio Miguel González Garcés. Esta edición tivo como xurado a voces destacadas da poesía galega como Pilar Pallarés, Gonzalo Hermo ou Lucía Aldao, entre outras. Como recibiu a noticia?

 

Pois facendo memoria agora sobre o momento concreto no que me comunicaron a nova só me veñen retallos. Foi unha sorpresa enorme que me deixou no aire. Non lembro nin sequera como respondín á chamada, só sei que me pillou a piques de comer unhas albóndegas na casa duns amigos e que me tremían as pernas. 

Despois, cando xa puiden pensar con máis calma sobre o asunto, parecíame imposible. E ademais veume de golpe toda a responsabilidade que supoñía ter sido seleccionada por un xurado desa altura. Aínda hoxe me parece que me tocou a lotería. 

 

 

 

- Pasemos ó teatro. Cal é o xerme de Santa Inés (Urutau, 2019)?

 

Santa Inés foi un regalo que me fixo Inés Salvado. 

O asunto foi así: febreiro de 2019, interior dun coche de camiño a Madrid. Sergio conduce, Inés vai de copiloto e Álex e mais eu imos no asento de atrás. Inés vírase e cóntame que leva un tempo traballando sobre autoras místicas e que ese traballo, de súpeto, se conectou coas lembranzas das visitas que facía coa súa avoa ao convento das Clarisas e coa historia de Santa Inés de Roma. Di que lle xurdiron moitas preguntas a partir desa conexión e que quere facer unha peza de teatro arredor do tema. Pregúntame se quero escribila. Acepto e, unhas semanas despois cando comezamos a traballar, proponme tamén dirixir a peza. Presentamos o proxecto dentro do noso grupo de traballo d’A Feroz e as nosas compañeiras e compañeiros acollen a idea como proxecto da compañía.

E aí empezou un proceso fulminante e cheo de epifanías e encontros afortunados que rematou co espectáculo estreado dentro do Programa Hildegarda (que confeccionamos para falar dun xeito máis amplo e plural de relixión e feminismo) e co texto editado por Urutau en decembro

Foi todo tan intenso e veloz que aínda non sei como o fixemos.

 

 

 

- Falando con vostede de arte dramático é imprescindible falar de Matrioshka Teatro. Como cofundadora. Cal é a súa visión xeral sobre o presente e futuro do proxecto?

 

Matrioshka é un proxecto que se asemella moito ás matrioshkas que o compoñemos: vai amodo, goza do traxecto e ocúpase máis do que se conta ca do beneficio material que poida aportar. É (coma todos os proxectos nos que acabo metida) un artefacto de resistencia que nos dá osíxeno e forzas para seguir confiando en que hai por aí xente que quere ver teatro “raro”.

Amáis de todo o anterior, tamén é un espazo no que traballar con outras mulleres que manteñen o pulo dun teatro galego vivo, artesanal, revirado e feminista.

En canto ao futuro, o de Matrioshka, pois é tan negro coma o de calquera outro proxecto minoritario, pequeno e coidado dentro da cultura galega (xa sen falar da incidencia do covid-19 e a paralización da actividade); pero cando nós comezamos a turrar xa estabamos dentro do túnel, así que non imos deixar de avanzar por máis que aínda non se vexa a luz ao final.

 

- Cal é a súa opinión sobre o estado de saúde do teatro en lingua galega?

 

Penso que estamos nun momento dunha grandísima vitalidade creativa no que hai moitos proxectos interesantes. 

Paradoxalmente, esta efervescencia bate con dificultades graves para chegar ao público porque depende practicamente en exclusiva da vontade dos concellos e, en último termo, das súas programadoras e programadores. 

Lograr espazos independentes nos que mostrar os traballos sen arruinarse é unha utopía para compañías que non teñan estrelas televisivas no seu elenco ou non se dediquen a un teatro fundamentalmente de entretemento e baseado en estratexias comerciais. 

O triste é que nos atopamos constantemente con que hai un público que quere ver proxectos arriscados e non convencionais, pero que non ten ocasión de facelo debido a esta imposibilidade de acceso a espazos de exhibición porque, ou ben as salas privadas non poden asegurar o pago dos cachés (de supervivencia) dos espectáculos, ou ben porque o acceso aos teatros públicos está limitado polo gusto e a opinión das técnicas e técnicos que elaboran as programacións. Nunca sabemos que dicir ás persoas que nos preguntan cando van poder ver AFTERPARTY ou Santa Inés e non entendemos por que espectáculos como por exemplo Manawee, que foi aplaudidísima por crianzas, nais, pais e docentes (gardamos con devoción todas as cartas de amor que nos escribiron) non tiveron oportunidade de verse nos teatros todo o que merecían.

 

- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que podia diantar algo?

 

Coma sempre, hai moitos. Algúns deles pasarán anos no caixón e moitos non chegarán a saír nunca. Mais agora mesmo tanto A Feroz como Matrioshka teñen proxectos no forno e Urutau está a piques de publicar un segundo poemario titulado O perfil da boca que ía saír en abril pero agora vai ter que saír cando o bicho o permita.

Paralelamente levo toda a vida tomando terra traballando coas mans nunha actividade que desde hai uns anos recibe o nome de A maranha e sempre está en marcha.

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Please reload

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Nombrar es reconocer que existe,

gracias y a pesar de mí.

Cuando tras mi frente genero una sílaba, 

defino, 

coloreo y cincelo, 

tal como suena tras el abdomen. 

Junto los labios para tallarlo, llenando la entrada. 

Ahogar su grito, ese dolor tras las costillas.

 

Mencionar es la primera maniobra. 

Para ello, cubriré todas las articulaciones. 

Los otros asentirán abriendo las comisuras. 

Flotará el polvo, semilla hundida. 

Maria González, en El hambre (Maclein y Parker, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com