Noa Moreira: "Ler a Pessoa e a Lupe Gómez cambiou a miña maneira de escribir poesía, pero tamén

Noa Moreira (Salcedo, A Pobra do Brollón, Lugo. 1985) Unha muller que perfura coa palabra os segredos da súa tribo. Unha poeta libre que escribe polas noites co candil da súa mente que podería alumear a serra toda. Escribe porque é poeta pero cando non escribe tamén o é.


Fotografías: Cedidas pola autora

Texto: Bio da autora na web de Urutau

- Comecemos cunha idea forte. Que significa para vostede a poesía?


Hai pouco dixen nunha entrevista para a Urutau que a a poesía era unha maneira de ler o mundo. Lendo a outras autoras contestar a esta mesma pregunta, en posteriores entrevistas, fun completando e engadindo significados a esta idea. Agora ocórreseme que é unha maneira de expresar o mundo tal e como o ve unha mente poética. Supoño que nunca poderei acabar de definir algo que para min é tan abstracto é á vez tan tanxible e que parece ter tantas interpretacións.


- Cando comezou a súa relación coa literatura? Escribe dende sempre?


A miña relación coa literatura comezou o día que aprendín a ler. De nena era unha devoradora de libros pero, sobre todo, lía contos e novelas. E seguramente tamén escriba desde que que sei escribir. Recordo que toda a vida tiven un diario e que a forma de expresarme nel foi cambiando cos anos. A revolución poética chegou o día que, con 18 anos, merquei unha escolma de Álvaro de Campos, un dos pseudónimos de Fernando Pessoa. Ler a Pessoa e a Lupe Gómez cambiou a miña maneira de escribir poesía, pero tamén a maneira de lela e interpretala.


- Cal é o xerme do poemario Meteoro inmantado (Urutau, 2019)?


No ano 2004, aproximadamente, escribín un poema que se publicou na revista que editaba a Asociación de Veciños do lugar no que vivo, Salcedo, que empezaba así: A memoria ameázame, cada día que pasa vólvese máis cruel. E pode que esa sexa a idea de tódolos poemas que escribín. O medo a perder imaxes e a dicir as cousas que non digo en voz alta. Comecei a escribir este poemario no ano 2013 e a segunda parte do libro é do 2017. Despois de dicir del que era un diario e un álbum de fotos, agora podería dicir que é unha mestura de imaxes e berros bonitos.





- Este é o seu primeiro libro publicado e ademais en Urutau. Que supuxo isto para vostede? Contenta co resultado?


Supuxo o primeiro paso para que algún día chegue a chamarme a min mesma poeta, pero sobre todo, a publicación deste libro tróuxome unha corrente incrible e abrumante de afecto e amor da xente que me rodea. Que fora na Urutau creo que foi imprescindible para que este primeiro libro saíse de min de maneira natural. Supoño que pola grandísima sensibilidade de Wlad, a editora trata con moito cariño e respeto ás poetas, así que si, estou moi contenta co resultado.


- A sensación do lector cando entra a este texto é que é un libro no que se propón o mundo íntimo dende unha aparente delicadeza, mais logo golpea fortemente e non deixa saír o lector indemne…


Cústame moito poñerme na pel dun lector externo. É un libro extremadamente íntimo, feito sen ningún propósito, case sen artificios, foi escrito para min. A delicadeza e a intensidade son o reflexo da historia que conta, e un pouco tamén de min mesma. Pero o que me gusta da poesía é que pode trascender a intimidade dunha persoa concreta e facela universal.


Guimaralia Te Ve con Noa Moreira (Fonte: Youtube)

- Se tivese que escoller so un dos poemas do libro para unha futura antoloxía. Cal sería? Pode reproducilo?


Afirmas que son eu a que te condena.


Constrúesme un altar

adornado todo de silveiros.


Teño as feridas salvaxes e abertas.

E son felices.


Miran as constelacións de agosto.


Escolleríao por unha razón tan sinxela coma esta: eu, sempre que o leo, sorrío.


- Vivimos unha etapa de inestabilidade onde a poesía é necesaria. Podería recomendar algúns poemarios para ler neste momento?


Recomendo ler en calquera momento calquera cousa que escribira ou escriba Lupe Gómez. Feliz Idade de Olga Novo e Atlas de Alba Cid. Cotodamina de Rafa Lobelle, A tarde. O desacougo, de Amauta Castro. Pero para días coma estes recomendo moito Inflamable, de Samuel L. Paris e Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados, do grupo Ronseltz. E, por suposto, ver tódolos vídeos de Youtube que haxa de Aldaolado.


- Para rematar. Ten algún proxecto literario finalizado ou en marcha do que poida adiantar algo?


Nos últimos meses escribín moitísimo, pero ainda está todo moi verde (risas)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com