Déborah Vukušić: "Decateime de que o que me gusta en realidade é contar historias: escribilas,



Déborah Vukušić (Ourense, 1979) é actriz e licenciada en Filología Hispánica pola Universidade de Alcalá e en Interpretación Textual pola RESAD. Traballa no cine, teatro e tv como actriz ou presentadora. Publicou con Baile del Sol os poemarios: Guerra de identidad (2008) e Perversiones y ternuras (2009) e colaborou en máis dunha decena de antoloxías de relato e poesía.

O poemario Guerra de Identidad viu recentemente unha reedición por parte da Editorial Delirio e do mesmo xorde o espectáculo Guerra de identidade, dirixida por Avelino González.












Fotografías: Óscar Loures/ Cedidas por la autora.

Texto: vociferio.es (traducción e modificación)

- Comecemos cunha idea forte. Cal é na túa opinión o elemento máis importante no traballo actoral?


Penso que son varios. A resistencia, o amor e a honestidade. Resistencia porque é unha carreira de longo percorrido, unha grande maratón, que pon a proba as tuas facultades. Sobre todo as psicolóxicas. Cada proxecto é unha proba, un exame. Hai moitos tempos de parada (meses; ás veces mesmo anos), moitas negativas, a ti (non a un obxecto, unha idea ou unha proposta) e moita ilusión machucada (en cada aventura pos o corazón). E para resistir fai falta amor. Un amor incondicional ó traballo, á historia que se conta e ó equipo. E penso que se ten que amosar no xogo (actuar ven de xogar: play, jouer, spiel) desde as entrañas, con respeto e honestidade, sempre.


- Sempre tivo claro que quería adicarse a isto?


Cando nena era feliz coas niñas libretas e rotuladores, escribindo e debuxando. Debuxaba mulleres embarazadas e pulmóns, cos seus alveolos, e enchía páxinas cos meus relatos. Dicíalle á miña avoa que me puxera deberes. Mira ti, se non nos saiu rara a nena! Tamén pasei por outras fases: quixen ser piloto aéreo por “Top Gun”, bailarina por “Dirty Dancing” e avogado por “L.A. LAW”. Se vía unha peli de Bruce Lee quería facer artes marciais e por un tempo crin na existencia do Reino de Fantasía e buscaba en todas as librarías a edición de coiro co ouroboros na portada da “Historia Interminable”. Lía por debaixo da mesa á hora de xantar aqueles libros que as miñas tías pedían ao Círculo de Lectores, mentres me rifaban por non atender ao que tiña que atender. Cando ía pedir o distrito compartido para estudar fóra decidín no último momento mudar da idea de facer xornalismo para inscribirme en filoloxía: pensaba escribir con liberdade e non baixo unha liña editorial. Na universidade descubrín o teatro aínda que xa tiña o bicho dentro (nos campamentos de verán nos EE.UU. ou co grupo de teatro da escola de francés) así que entrei na R.E.S.A.D. Dende aquela decateime de que o que me gusta en realidade é contar historias: escribilas, dirixilas, interpretalas, tanto me tén. Actuando e escribindo podo ser todos eses personaxes. Unha sorte bárbara.


- Raclette foi un éxito de público e crítica. Cal é a túa valoración deste proxecto?


Ibuprofeno foi a primeira compañía galega que confiou en min. Coincidíramos en Madrid e cando ían comenzar os ensaios; a actriz que ía facer o persóname de Paula quedou embarazada e chamáronme para substituíla sen proba nin nada. O nunca visto! Estivemos un mes e medio ensaiando e 4 anos rulando. Percorremos prácticamente toda Galicia e ao entrarmos na Rede de Teatros Alternativos tivemos máis de 20 bolos máis aló do Padornelo: Barcelona, Madrid, Valencia, Sevilla, Santander, Donostia, Salamanca… Levamos premio en Haro… Todo un regalo: comer e beber, con compañeiros deliciosos, facendo un discurso político e filosófico realmente profundo. Bañobre e Cortegoso son uns xefes marabillosos, son amor puro e póñeno todo en cada aventura. Só espero que os nosos camiños se volvan xuntar pronto.



- Se tivese que destacar un dos seus traballos en teatro. Cal sería?


Sinto debilidade por 3:


A) PRESAS de Ignacio del Moral e Verónica Fernández. Foi o noso proxecto final de carreira. Como tiñamos pouco orzamento e eramos 18 na clase (13 rapazas) ou facíamos varias Bernardas ou unha Lisístrata. De xeito que Ernesto Caballero, o noso muestre, propuxo facer algo sobre un cárcere franquista. Vestiario pobre, espazo baleiro, atrezzo transformable, aforo á alemana. Estivemos todo o verán lendo sobre a España da posguerra. Cada semana os autores viñan con propostas e foise desenvolvendo paseniñamente con improvisacións e xogos. Eu facía de Violette, unha francesa, que se vía metida nun roubo por amor. Era o elemento distanciador da peza, comigo entraban no cárcere. Gravei varios graos de acento, foi un proceso lento de maduración. Enchemos todos os pases días semanas e quedaba xente fóra. Imaxina ó público a 1 metro de distancia, un par de ringleiras no chan e compartindo kleenex. Críticas excelentes… e estivemos na Sala Triángulo (agora, o Teatro del Barrio) un mes de xoves a domingo… O noso primero traballo pro! E máis tarde Caballero chamounos ás que dábamos as idades dos personaxes para a montaxe do Centro Dramático Nacional.


B) El amor de Perlimplín con Belisa en su jardín de Lorca, dirixida na escola tamén por Laura Ortega. Unha proposta plástica tan fermosa por parte da directora que cando me lembro dela sempre me debuxa un sorriso.


C) Monstruación de Enconarte Producciones. Clown, bufón, café teatro con pingas de orujo, ou birra-teatro como lle dicimos nós. Unha macarrada catártica e pedagóxica de creación coletiva, e dirixida por Marián (a súa primeira dirección) que aínda andamos a representar.


Galería con algúns dos papeis da actriz en distintos proxectos. (Fotografías cedidas pola autora)


- Como definiría o seu proceso creativo como autora?


Depende de a que me enfronte. A poesía naceume sempre dun verso máxico, que me impulsa a escribir. Vomito, solto e logo fago revisións para pulir. Pero sempre traballo cos meus ritmos internos. Hai tempo que non me ven ningún verso máxico, que conste. No guion procuro unha estrutura e ir escribindo diálogos ou imaxes que teña claros. Nos artigos vou facendo ata atopar a vértebra e logo volvo escribir. Depende de cada xénero pero penso firmemente de que o interesante só nace da necesidade de contar.


- Cal é o xerme do libro Guerra de Identidade?


Penso que se foi xestando ao longo do tempo, a lume miúdo. Pero nace na proposta dun obradoiro no Teatro de la Abadía con Ana Vallés no que a proposta non era traballar sobre personaxes definidos senon sobre a historia persoal, a nosa propia esencia e identidade. Eu fun moi torpe e tardei moito en dar con ela e non lle gustei nada :)) pero penso que no derradeiro intento din coa que para mín era a clave. Debuxaba con tiza dous círculos coa súa intersección no chan e explicaba o meu nome. Uns días máis tarde de rematar a peza, que saíra do obradoiro, comecei a bolsar, nunha sorte de trance, o libro. E ese foi o primeiro poema, ese “verso máxico” do que botou man a necesidade de contar.


- Este libro viu agora unha redición por parte da editorial Delirio e agora represéntase tamén nos teatros nunha proposta dramática dirixida por Avelino González. Este é o final do proxecto ou so o comezo do mesmo?


Guerra de identidad saíu en 2008, coa editora Baile del Sol así como a segunda edición ó ano seguinte extendida. Dez anos máis tarde sae esta última con Delirio logo de outro longo proceso de maduración. Estou a barallar a versión audiovisual. Non sei se é un documental porque da para una miniserie e porque ten uns condimentos moi peliculeiros. Pero non, non é o final. Guerra podería saír na definición do diccionario dun work in progress.


- Ten intención de traducir o libro ó galego?


Escribino en castelán porque penso que dese xeito a loita interna está máis equilibrada e non hai resposta evidente á pregunta ¿por que metade me decanto? Nembargantes a peza está en galego depois de facer un traballo de dramaturxia para volver obter ese balance. Non leño proposta editorial; de ser así faría a tradución, claro.


- Este non é o seu primeiro libro publicado, senón que tamén publicou otros textos poéticos. Ten en mente publicar algún poemario no futuro?


Publiquei tamén Perversiones y ternuras. Teño un par de escolmas, as típicas que non das rematado. Quería para unha selección facer un libro obxecto de postais con poemas ilustrados, que non sei se algún día verá a luz. Pero si, que me enredo, teño material que compilar para un par de libros. Hai que darlle unas voltas. Teño á poesía un pouco abandoada e vaime reclamar a súa atención en calquera momento.


- Se tivese que elixir entre todos os seus textos poéticos un para unha futura antoloxía das súas obras completas. Cal sería?


Probablemente o que non debería faltar é ese do que falabamos ó principio: “me llamo déborah vukušić” pero douche dous a elixir:


A) “Mustafá” (de Perversiones y ternuras)


B) “Querida Sara” (do Francesca Woodman Poetic Project, Neurótica Books).


- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?


Espero poder retomar as funcións de “Guerra de identidade” en breve. Había cousas moi interesantes planificadas antes da pandemia (O Festival Singular de monólogos de Narón, a presentación da Gala dos María Casares…) e agora toca esta “desescalada” e xa veremos (que palabra! eh? desescalada. Os políticos son poetas crueis que nos modifican o significado de palabras que antes eran fermosas: risco, rescate, manada, crecemento -negativo-).


A ver… polo de agora teño bolo na MITCFC (Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas), outra en Madrid no Teatro Fernán Gómez dentro do ciclo CONTEMPORÁNEA e o Lviv International Literature Festival (Ucraína) en setembro. Agora estou a traballar no guion de “Esa maldita felicidad”; un documental sobre PortAmérica con Zinqin e Esmerarte, que esperamos ter rematado ao longo do verán. E ata aquí podo ler… Tarxetiña por aquí…


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com