Ana Pillado Vega: "En efecto bolboreta é unha obra que me levou moitos anos concluír. Foi un longo e gozoso embarazo, unha viaxe intensa intra e extrapersoal"

21/05/2020

 

Ana Pillado Vega (A Coruña, 1971) É licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende o ano 2006 exerce como profesora de Lingua e Literatura Castelá no ensino secundario público. No eido das Artes, ten desenvolvido unha estensa traxectoria como ilustradora, pintora e ceramista. É autora de 'Fábula Mater, poema en 12 actos' e dos contos da colección 'Lila Lilaina' ('Azul e Rosa', 'Carlota e o príncipe azul' e 'Roi quere ser mamá'). En 2019 publicou a súa primeira novela: 'En efecto bolboreta'.

 

- Como definiría o seu proceso creativo?

 

Penso que, fundamentalmente son narradora visual, ben a través de obras plásticas ou ben a través de obras escritas. No meu caso, todo nace dunha primeira imaxe visual. Isa é a faisca primeira da imaxinación creativa. Logo é ben importante a unión do Ánimo e a Ánima. No meu taller teño un corazón, ao xeito dos que poñiamos de adolescentes nos nosos cadernos, no que figuran namorados, cinguidos no amor, o Ánimo e a Ánima. Sírveme de recordo, de lema. No caso concreto de En efecto bolboreta, durante todo o proceso da escrita acompañábame sempre dun pequeño caderno. Teño escrito moitas veces no parque mentres Gaila xogaba,  mais tamén na praia, en cafetarías, nos tempos de recreo nos diferentes institutos nos que traballei...e en lugares absolutamente máxicos coma no Pico Sacro, onde mora a Raíña Lupa.

 

- Cales considera que son as súas influenzas literarias?

 

Na novela está presente o eco emocionado de lectora que goza profundamente do universo máxico de don Álvaro Cunqueiro. Pura menciña lírica, pai do realismo máxico. Tamén está presente o pasmo iniciático  da primeira lectura de A metamorfose de Kafka ou  do 1984 de Orwell. Late, sempre en mín, a música de Luísa Villalta e de Manuel María.  Tamén  bebín das fontes de moitos libros de simboloxía , entre os que destaco El hombre y sus simbolos  de Jung ou o dicionario de Cirlot. Amo a razón poética de María Zambrano e preciso de cando en vez regresar ao seu Claros del bosque. Mais, por outra banda, como constrúo a partir de imaxes,  habitan no meu maxín, nun lugar de honra os soños esféricos de Lugrís, de Maruja Mallo, de Seoane, de Blanca Silva...

Na actualidade, estou fascinada coa obra narrativa de  Joyce Carol Oates. A última obra que lin dela, Monstruo de ojos verdes, deixoume conmocionada.

 

 

- Cal é o xerme de En efecto bolboreta (Fervenza, 2019)?

 

En efecto bolboreta ía ser, en principio, un conto breve para Gaila, a miña filla, que daquela tiña 6 meses. A idea inicial  xurdíu unha noite en durmevela.  Imaxinei unha bolboreta que, unha vez culminada a metamorfose, demórase no seu casulo tecendo ensoñacións fantásticas sobre as magníficas aventuras que lle sucederán. Mentres o resto das súas compañeiras van brotando á luz, Melancolía fica ensimesmada e vai adiando ese momento até que chega a noite. Ese feito propiciará seu encontro coas avelaíñas e a posterior creación conxunta da  Gran Irmandade Lepidóptera. 

 

 

 

 

 

- Neste texto fálase en clave literaria da importancia da protección do medioambiente e do valor dos insectos nos ecosistemas naturais…

 

Si, a obra é unha fábula que recolle a crónica da Revolta da Bicharada. A Gran Irmandade Lepidóptera inicia a revolución insecta, disposta a espallar o preciso cambio nas conciencias a prol de salvagardar o medioambiente e deter a deriva de desastres ecolóxicos provocados polos seres humanos. Iranse sumando á causa as xoaniñas (agricultoras biodinámicas), as skornagirls (vacalouras ciberpunks), a Rede Arácnida Galega, as abellas da Facultade de Filoloxía Apícola, os integrantes do Circo dos Bechos e as Sabias Céltigas (meigas, mouras, sereas, fadas, a raíña Lupa....), todas tecerán rede para evitar o avance do biocidio e sementar un sistema sostible e e respectuoso  coa Nai Terra.

 

- Nesta obra a súa responsabilidade non remata no texto senon que é autora das ilustracións que acompañan o libro…

 

Efectivamente, a novela contén once ilustracións a cor, unha para cada capítulo.  Quixen que  tivesen un estilo inspirado nas iluminacións dos códices medievais, polas que sempre sentín moita admiración. Por unha banda pretendían ser homenaxe a Ende, a primeira ilustradora de nome coñecido no ámbito hispánico, quen no século X  asina como 'Ende printix' as súas iluminacións do Beato de Liébana. Encántame denominar iluminacións as ilustracións, pois, efectivamente, a través delas o ilustrador ou a ilustradora pode dar a luz as imaxes visuais que a obra evoca. Por outra banda, considerei que beber nas fontes dos códices antigos na disposición das ilustracións redundaría na intención de que a obra sexa entendida como unha crónica atemporal. Unha viaxe ao tempo da maxia, do mito...a un relato que pretende ser eutópico.

 

- Publica este texto tras algúns anos sen publicar nada. Por qué volver neste momento? 

 

De sempre compatibilicei a expresión escrita coa expresión a través das artes visuaís (pintura, ilustración, cerámica, fundamentalmente). En efecto bolboreta é unha obra que me levou moitos anos concluír. Foi un longo e gozoso embarazo, unha viaxe intensa intra e extrapersoal. Dalgunha maneira é a crónica desta viaxe, das experiencias dos primeiros dez anos dende que me convertín en nai. Ciclo de vida que comeza no barrio de Monte Alto, en Coruña, nun momento no que o activismo social era efervescente. Velaí están na novela trasuntos literarios do ambiente magmático de festa reivindicativa das 'Maribolleras Precarias', da 'Casa okupa das Atochas', do colectivo feminista 'Non me pises o freghao'....Aos 6 meses de comezar a escribir a novela, cando xa teño plantexada na trama a revolución insecta, xorde o movemento 15 M. Asemade, chega con forza as nosas vidas a conciencia ecolóxica; créase na Coruña  a cooperativa de consumo responsable e consciente 'Zocamiñoca' da que entramos a formar parte. Tomamos tamén contacto coa agricultura ecolóxica e biodinámica, con proxectos de vida alternativa no agro, 'casas abertas' á xuntanza, aos círculos de mulleres, aos obradoiros e talleres de crecemento persoal...Todo ese proceso, de podemos decir, 'expansión da conciencia', de toma de conciencia de que a (r)evolución precisa comezar en nós mesmas, en ser o cambio que queremos para o mundo, ser espello dese cambio...buscar, ao fin e ao cabo a integridade radical (de raíz)....Esa viaxe, que perdura, que leva a conciencia da necesaria humildade (lembrar que somos humus, mais humus nutricio), levoume a vivir no campo, nunha 'casa aberta'. Todo ese camiño está  recollido na novela a través da fábula.

 

- Cal considera que é a diferenza entre os seus primeiros textos a este último? Considera que ten as mesmas preocupacións como autora?

 

Tal vez a diferencia fundamental, con respecto aos contos da colección Lila Lilaina,  é que a novela, tal e como comentei, é  crónica simbólica dunha viaxe experimentada. Creo que as miñas (pre)ocupacións teñen un eixe dinámico. Sobre este eixe dinámico, pretendo sempre primar o motor da integridade, da honestidade para conmigo mesma...ser humus nutricio da  viaxe constante cara ao centro do meu ser, cultivando a conciencia do colectivo como motor da propia historia. Sempre agradecida polo inmenso legado cultural e emotivo que recibín da miña familia.

 

- Como valoraría a situación da literatura galega na actualidade?

 

Absolutamente vizosa, vibrante e dunha excelente calidade. E quixera destacar neste senso, a obra das mulleres. A literatura galega ten unha Nai que a todas nos legou unha imaxe, un referente de inmensa coraxe (a forza que nace do corazón), de valentía e profundo amor as propias raíces. Como profesora de lingua e literatura castelá, reivindico sempre a figura de Rosalía de Castro, sen dúbida  a máis grande literata do potsromanticismo en castelán e aínda a día de hoxe non suficientemente valorada nese sistema literario. Permíteme que cite un fragmento do Lieders absolutamente revelador: '...Sólo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.
Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árboles en el desierto y el pirata en la mar... Libre es mi corazón, libre mi alma, y libre mi pensamiento, que se alza hasta el cielo y desciende hasta la tierra, sobervio como el Luzbel y dulce como una esperanza'. 

Na actualidade, son moitas as autoras galegas contemporáneas que recollen o tesouro dese legado  e dánlle pulo novo. Admiro a obra de Pilar Pallarés. Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Andrea Barreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Olga Novo, Lucía Aldao, Beatriz Maceda, Susana Sánchez Aríns, Olga Patiño...

 

- Para rematar. Ten algún outro proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?

 

No ámbito literario teño dous proxectos abertos. Levo anos deseñando meu propio tarot, que cando chegue o momento publicarei cun conxunto de textos. E, no outro proxecto, ando a navegar na intrahistoria da miña familia, na memoria de nós.

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Please reload

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

Chegamos á cidade a través das pontes pero o noso destino non era río. Levabamos con nós a cativa
para amosarlle o bambear

dos encadeamentos que só relocen no maxín. Ás veces creamos
para crer.

Chegamos á cidade a través das pontes cos pés luxados e as linguas
en equilibrio.
Quitamos os zapatos brancos

de charol. Chegamos. Marchamos. Prometemos non volver.

Poema de Tamara Andrés, en Bosque vermello (Positivas, 2019)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com