Iria Pinheiro e María Lado: "Falar da miña avoa era un xeito de devolverlle un lugar importante"

Iria Pinheiro traballa como actriz desde o ano 1998 e desenvolve a súa actividade no audiovosial, nas artes escénicas e na música, ademais de participar en longametraxes, curtametraxes e videoclips. Destacou no cabaret onde foi compositora, letrista e guionista. No ano 2012 creou DandyLady, un alter ego co que investiga as posibilidades da poesía escénica e para o que foi ideado Uralita. Na actualidade traballa no espectáculo Anatomía dunha serea polo que recibiu dous Premio María Casares. Recibiu tamén o Premio Maruxa Villanueva á Interpretación pola súa traxectoria como actriz.


María Lado comezou a escribir entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicado A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (2002), berlín (2005), Nove (2008), Amantes (2011) e oso, mamá, si? (2015) que foi escollido mellor libro de poesía na I Gala do Libro Galego. Tamén é autora dos libros para crianzas Porque Cuqui non quere ir á lavadora (2014) e 5 minutos (2017), Mulleres Bravas da Nosa Historia: Rosalía de Castro (2016) e da novela xuvenil Entre os dous hai un río (2016). Dende o ano 2005 mantén coa poeta Lucía Aldao varios espectáculos baixo o selo Aldaolado cos que percorren escenarios do máis diverso, dende teatros ate palcos de festa. É, tamén, unha das creadoras do colectivo Poetas da Hostia.

Textos: Cuarto de inverno

Fotografía: Libraría Paz (Autor non sinalado)


- Cal é o xerme de Uralita (Cuarto de inverno, 2020)?


M.L: Tal vez que Iria e eu necesitabamos quedar para botar unhas risas, pero cunha coartada con fundamento, así que Iria apareceume con esa idea de facer unha peli narrada en directo e as cousas das que quería falar e pediume se lle axudaba a escribila e foi a conxunción perfecta de risas, cafeína e fundamento.


I.P: Así foi, ademáis eu disfrutaba moito de atravesar a ría en barco para verme con María nun hotel, iso era o summum da aventura, nunca pensei que todo aquilo acabaría así.


- Como valorades a experiencia de crear un producto artístico entre as dúas?


M.L: Pois eu valóroa moi ben, porque traballar con outra persoa, crear xuntas, dar forma a algo que acabará tendo vida fóra de ti e das dúas é algo moi excitante. Das cousas que hai neste mundo para compartir, crear é a mellor. E ademáis facelo dende a amizade é incrible, é unha viaxe inesquecible.


I.P: Foi moi xeneroso que María, coa súa traxectoria literaria, se unise a este proxecto, eu non tiña máis que ofrecerlle que a posibilidade de experimentar xuntas (e tomar cafés). A nosa amizade fixo todo o traballo, deixámonos levar sen prexuízos nin pudor. Esta é a miña opinión, habería que preguntarlle á camareira que cada tarde nos viu escribir...








- Falemos do propio texto. Hai un concepto que ilumina todo texto que é o de “avoa cherokee”…


M.L: Que é a idea central, ademáis. É algo que Iria tiña moi claro dende o inicio, algo que ela traía dentro.


I.P: Si, un ano antes de poñernos a escribir morreu a miña avoa Xoana, eu sempre vin no seu rostro os rasgos das cherokees e ao igual que elas era unha muller forte e sabia. Falar da miña avoa era un xeito de devolverlle un lugar importante na memoria, contar a súa historia podía ser unha maneira de contar a das mulleres do noso país, da nosa tribo.


- Aproveitades o texto para subliñar os cambios socioculturais da nosa sociedade e a conceptos como a propia mudanza da aldea rural en aldea periurbana. Coido que é inevitable tamén sinalar que no texto están tamén os vosos sentimentos sobre o propio territorio.


M.L: Si, as dúas vivimos en zonas rurais próximas a núcleos urbanos, temos esa experiencia de fronteira e iso retrátanos a nós e a gran parte do país, que tamén é periurbano. Esa reflexión interesábanos moito, porque é como a evolución do país, onde se ven claramente a resposta a problemas intimamente ligados ao capitalismo e a súa voracidade. Hai como certa resistencia a iso e tamén moito sucumbir.


I.P: Tiñamos intención de expresar con claridade as nosas ideas políticas (non sempre podemos falar tan libremente noutros espazos). Compartimos as mesmas preocupacións polo territorio e polo sistema que o asfixia. Queriamos deixar apuntadas algunhas das posibles solucións para recuperar o que o imperialismo nos levou.


- No poemario tamén tratades o autoodio en vinculación coa posición de moitos galegos con respecto a súa lingua nai ou a propia cultura…


M.L: Autoodio é un gran concepto, vou tatuar autoodio nos puños. Si, interésanos reflexionar sobre ese autoodio moderno, vestido de rollo que mola, según o cal os vellos son o problema, a aldea é o problema o atraso é o problema…


I.P: Eu tamén pedín cita na tenda de tatuaxes. O autoodio é un gran perigo, ao igual que a apropiación cultural frívola, penso que van da man. A nosa identidade como pobo non debería ser un producto de consumo capitalista. Hipsters go home!


- O texto ten unha carga lírica notable, mais a súa forza dramática tamén é inmensa. Como logrades que convivan as dúas tensións en relativa armonía?


M.L: Igual é porque Iria é actriz e eu poeta.


I.P: Así é, e as dúas nos deixamos fluír no mundo da outra.


- De feito, este non foi o voso único proxecto en coautoría. Tamén traballachedes xuntas na creación de Anatomía dunha serea que recibiu o Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2019.


M.L: Si, ese foi un proceso incríble, porque fala dunha experiencia de Iria pero que eu tamén vivín e me causara moito drama e volver escribir sobre ela, a través da historia de Iria, foi moi potente. Agradézolle moito a Iria que me dese a oportunidade de acompañala.


I.P: Con Anatomía dunha serea aprendimos moito, sacamos á luz as nosas cicatrices e iso penso que nos sandou en moitos sentidos. María foi moi valente volvendo a traballar sobre o tema da violencia obstétrica.

Eu non imaxinaba escribir esa historia con outra persoa que non fose ela así que… ofrecinlle tomar máis cafés!!



- Para rematar. Tedes algún proxecto en marcha ou finalizado do que podiades adiantar algo?


M.L: Eu ando agora moi centrada en escribir. De momento facendo unha novela para crianzas por entregas en Instagram, Caramomia, con Ledicia Costas, Daniel Landesa e O Hematocrítico. E rematando un libro Aldaolado e un poemario meu para finais de ano. A verdade, non me queixo.


I.P: Eu arranco un proxecto novo chamado “Compañía Eléctrica”, vou dar o paso de atreverme no mundo do teatro infantil. Escribín unha peza para crianzas titulada Violeta, trátase dunha visión feminista da Carrapuchiña Vermella.

Ademáis diso trato de seguir escribindo poemas sobre violencia obstétrica. María sempre me animou moito a escribir e agora caín no vicio.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com