Cándido Paniagua Pousa: "48 horas xorde da necesidade de poñerme a proba"



Cándido Paniagua Pousa (1992). Nado en Xinzo de Limia, reside en Vigo dende que se graduou en Estudos de galego e español pola Universidade de Vigo. Na actualidade exerce como profesor de Lingua galega e literatura no ensino secundario obrigatorio, tarefa que compaxina coa elaboración da súa tese, que versa sobre a linguaxe dixital. Como escritor, comezou na adolescencia a participar en diversos certames. Entre os premios que ten no seu haber destacan o Xuventude Crea (2017 e 2018) e o Biblioteca Rosalía de Castro (2018). A súa opera prima foi a novela negra O caderno de erros (2018).



Fotografía: Cedida polo autor

Texto: Xerais

 

- Comecemos cunha idea potente. Que significa para vostede a literatura?


Pode parecer unha resposta manida, mais para min a literatura é unha forma de vida. Non me imaxino sen ela. Leo acotío des que aprendín, e comecei a escribir na adolescencia como evasión. Hoxe, lectura e escritura son dúas actividades que preciso realizar a diario.


- Cales son os seus textos imprescindibles?


Non teño obras imprescindibles como tal, pero si son moi lector de novelas policiais e novelas históricas, sobre todo da 2ª Guerra Mundial. Citaría a obra de Camila Läckberg e Domingo Villar, por quen comecei a interesarme no xénero. A literatura galega creceu moito nestes anos nestes eidos e así o demostran novelas como as de Ledicia Costas, Xabier Quiroga ou Francisco Castro.


- Como definiría o seu proceso creativo?


Caótico e á vez ordenado. Adoito ter varias fases durante o proceso. Nun primeiro momento, xórdenme moitas ideas de xeito inconexo e procuro anotalas, ou mesmo desenvolvelas un pouco. Intento buscar o xerme da historia e establecer un desenlace. Logo, comezo coa fase de escrita, na que organizo todo o material que teño. Leo, escribo, reescribo, releo... Desboto ideas e mesmo engado outras. Teño un proceso bastante aberto en todo momento, mais si teño definido o final dende o comezo.


- Cal é o xerme de 48 horas (Xerais, 2020)?

48 horas xorde da necesidade de poñerme a proba. Buscaba escribir unha obra xuvenil, mesturando varios temas: historia, redes sociais, amor e misterio. Tiña claro cal era a trama principal, mais o meu día a día como docente foi o que rematou por prender a chama e escribir este libro mesturando tamén fantasía e debuxar un final sorprendente.


- Como se configura unha novela na que a limitación temporal ten un papel relevante sobre a sucesión dos feitos?


Foi o máis complexo da novela. Os adolescente establecen retos a través das redes sociais e esa foi a miña propia proba. Polo tanto, tiven que buscar axilidade na trama e prescindir de elementos e accións que a demoraban. Todo tiña que suceder rapidamente e mantendo a verosimilitude. O tempo é un dos eixos centrais da novela e así se demostra dende o título.



- Se tivese que definir ó personaxe de Lois Figueirido. Como o faría?


Como un adolescente que busca atención. Un perfil coa súa personalidade é moi doado atopalo na nosa sociedade. Quizais os seus problemas, derivan nun adolescente un tanto conflitivo e cun ego desmesurado, mais estou certo de que todo se trata de fachada e busca un recoñecemento e unha estabilidade emocional que non ten.


- Anteriormente xa publicara unha novela negra, O caderno dos erros (2018). É o thriller e o suspense o eido onde se sinte máis cómodo?

Si. Recoñezo que me reto a escribir outros xénero, mais hai uns padróns que me caracterizan e o misterio é un deles. Gústame enredar a trama de tal forma que o lector se pregunte que vai pasar e prepare o seu propio esquema e non acerte. Ese é un exercicio que me gusta facer a min mentres leo, así que procuro mantelo na miña obra.







- Podería recomendar algún título para esta época de inestabilidade que vivimos?


Sen dúbida Un lume azul, de Pedro Feijóo. Lin esta novela durante o confinamento e pareceume sublime. Sería unha historia excelente para levar ao cine. Logo, para o público xuvenil recomendaría 22 segundos, de Eva Mejuto, unha obra necesaria para a adolescencia.


- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?


Agora mesmo estou a traballar en dúas novelas, unha para público adulto e outra para xuvenil. Agardo darlles impulso durante o verán e que vexan a luz pronto.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais