Recensión: Agnès Desarthe, Como aprendín a ler



Título: Como aprendín a ler

Título do orixinal francés: Comment j´ai appris à lire

Autora: Agnès Desarthe

Tradución: Moisés Barcia

Editorial: Rinoceronte

ISBN: 9788492866991

Nº de páxinas: 126 páxs





Sinopse:


Agnès Desarthe explica con humor a súa tortuosa relación coa lectura e como se resistiu a ela durante a infancia e a adolescencia, ata que, xa en plena universidade, deu co libro axeitado. Hoxe, a palabra escrita ou lida é o seu medio de vida.

Tiña coñecemento da existencia da obra de Agnès Desarthe pola súa obra de LIX Comment j'ai changé ma vie (2004) publicada en castelán na famosa colección Ala Delta de Edelvives co título de Cómo cambie mi vida (2009) e que considero interesantísima para a rapazada. Hai apenas un mes recibín Como aprendín a ler, unha obra de título suxerinte e que supón unha experiencia totalmente distinta con respecto da obra que lera previamente.


Esta obra, que non creo que podamos definir como novela nin como ensaio, é un exercicio de introspección e análise do papel da lectura e da literatura na vida da autora, dende o punto de vista do propio eu. Na miña opinión, unha análise fundamentada nas sensacións propias, nas opinións sen filtro e alimentada e contaminada polas figuras que coñece durante o proceso. Coido que así debe ser a relación coa lectura.


Agora que ler se converteu na miña ocupación principal, na miña obsesión, no meu maior pracer, no meu recurso máis fiable, sei que o oficio que escollín, o oficio de escribiu, serviu e serve só a unha causa: acceder por fin e de novo á lectura, que é á vez o lugar da alteridade acougada e o da resolución, nunca lograda, do enigma que constitúe cada un a súa propia historia.


Desarthe enfoca esa relación da lectura como un proceso de aprendizaxe con momentos álxidos e baixos, non como un proceso exponencial ou lineal. A lectura é unha suma de experiencias e a aprendizaxe precisa de moitos cambios no propio eu e moitas experiencias que fan que o lector comprenda que o feito de ler non responde a ningún canón, aínda que a literatura si que o faga.


Ás veces, cando escribimos un libro, expresamos, sen querelo, sen sabelo, sen decatarnos nese momento, unha verdade sobre nós mesmos que, polo xeral, ten pouco que ver co desenvolvemento da obra, co seu obxectivo, coa súa estética. Ignoro como xorde isto. Quizais se deba á capacidade que ten a escritura para exercer de medium.


No texto, Desarthe reflexiona en varios capítulos sobre a relación entre literatura, canon e ensino, é dicir, analiza a utilidade e a calidade das lecturas na escola, instituto e a universidade dende varios puntos de vista. Precisamente este é o aspecto máis interesante para min do libro. Critícase o canon literario francés, mais tamén considérase imprescindible a súa existencia, sexa a súa influencia positiva ou negativa, para que exista este proceso de aprendizaxe. Reflexiona tamén sobre o aporte da súa familia e a comunidade á que pertence a súa maneira de ler, e comprende que hai unha parte da experiencia lectora que vese afectada pola vida en sociedade.


Pecha o libro cunha parte adicada á tradución que considero moi interesante. Non polo que aporta senón pola súa maneira de contalo. Calquera persoa que fale ou lea en varias linguas ou traballe profesionalmente como tradutor, gozará moitísimo deste final da obra.


Ao traducir sempre teño presente a imperfección, o desperdicio, o fracaso. Volvemos á decepción. Na tradución empézase sistemáticamente vencido. [...] E, non obstante, hai que facelo, traizoar (a obra) con toda consciencia, franquear a fronteira a risco de asasinar tan fráxil poética, facer obra de contrabando, e para iso é necesario, antes de nada, saber ler.


Como aprendín a ler de Agnès Desarthe é una obra suxerinte, intelixente e que convida a unha reflexión profunda sobre o actor de ler. Unha obra imprescindible para reler en diferentes momentos da propia vida. Cuestionarse constantemente como lectores debería de ser lei de obrigado cumprimento.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com