Regina Touceda: "deriva móvese a través dun percorrido, comeza nas diferentes etapas da vida infantil e chega á idade adulta no que os sentimentos de baleiro aparecen de novo"

27/09/2020

Regina Touceda Rey, nada en Cuntis en 1999, é unha poeta e estudante de filoloxía galega. Estudou o bacharelato no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. Foi accesit na categoría de bacharelato do IV Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro. Actualmente estuda Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. En 2019 gañou o premio de poesía Pérez Paralléco poemario deriva.

 

Fotografías: Cedidas pola autora

Texto: https://gl.wikipedia.org/

- Comecemos cunha idea potente. Que significa para vostede a poesía?

 

Para min a poesía é un medio de expresión. Sei que para algunhas persoas pode resultar un código complexo pero non é máis que unha das múltiples maneiras que temos as persoas de poder plasmar de maneira creativa a experiencia de estar vivos. A linguaxe poética pode ser unha ferramenta potente e cargada de simbolismo, xa que permítenos xogar con imaxes que os lectores trasladan ás súas propias vivencias e maneira de comprender o mundo.

 

- Cales son os seus libros imprescindibles?

 

Hai moitos, especialmente de poesía galega contemporánea escrita por mulleres, pero se teño que elixir uns poucos diría Nomes de fume (Miriam Ferradáns), o único lugar onde ficar inmóbil (Arancha Nogueira), Teoría do lugar (Estevo Creus), Bodas de sangre (Lorca), amantes (María Lado), Conversa ultramarina (Lois Pereiro) e Livro das devoracións (Pilar Pallarés).

 

- Cómo definiría o seu proceso creativo?

 

É caótico. As ideas aparecen de súpeto pero teño que ser eu a que as permita aparecer. Dende que acabei de escribir deriva non me permitín entrar nese bucle creativo porque ás veces acaba desconectándome de todo o demáis e agora mesmo non quero. Quizais un pouco máis adiante, pero este último ano precisaba descansar deses procesos, levaba varios poemarios escritos que gardarei como borradores xa que son parte do meu proceso de aprendizaxe, mais queiras ou non ao final desgasta. Iso si, para min o esencial á hora de crear é consumir creacións de diversos xéneros, probablemente en exceso. Busco ideas en todos lados, pero a literatura e o cine son os meus “inspiradores” principais. Cando era adolescente escribía poemas soltos e individuais; agora procuro escribir cousas ligadas arredor unha idea común e estructurada. Foi unha das cousas que máis me costou aprender a facer. Gústanme moito as ligazóns, os percorridos circulares, as estructuras… Non de maneira limitadora, senón como ferramenta para facer algo consistente e que dentro da miña visión teña sentido e sexa sólido. Así como o proceso é caótico, non me gustan os resultados así, senón coidados.

 Fotografía dun manuscrito de deriva. (Fotografía cedida pola autora)

 

 

- Cal é o xerme de deriva (Espiral Maior, 2020)?

 

Penso que o xerme naceu nunha análise que funcionou como punto de inflexión. O segundo poemario que fixen e que gardarei como borrador (deriva é o cuarto) trataba un pouco a mesma temática, aínda que transcorría na catarse e non dende unha posición de distancia. O libro móvese a través dun percorrido, comeza nas diferentes etapas da vida infantil e chega á idade adulta no que os sentimentos de baleiro aparecen de novo e se materializan a través da perda, do sentimento de abandono, do desamor, da soidade. Como dixen na entrevista que fixen para Praza (penso que resume o proceso moi ben), “hai recordos intercalados con sentimentos, os cales unha vez pasan e deixan a súa pegada, desaparecen. As verdades son verdade mentres duran, logo só queda o rastro e con iso constrúo o poema”.

 

 

 

 

 

- Como recibiu a noticia de que gañara o Premio Pérez Parallé?

 

Nesas datas atopábame en Irlanda, cursando un Erasmus. No momento no que recibín a chamada estaba de excursión con outros estudantes. Unha amiga compañoume a esa saída e cando me chamaron comecei a facer xestos cas mans e ela asustouse. Non recordo ben o que me dixeron, só o “noraboa” de parte de Eduardo (o coordinador do premio), que tiña que volver á casa nos próximos días para recoller o Parallé e que precisaban unha fotografía para a prensa. Colguei, berrei un “I won the prize!”, a miña amiga Isabelle abrazoume, volvimos á cidade e sacoume as fotografías que agora envío a todos lados nas que salgo co río Lee de fondo (non tiña fotos miñas medianamente formais máis alá de selfies esporádicos). Á noite cheguei á casa, ceei o que puiden, díxenlle á miña caseira que nuns días marchaba, merquei a botella de viño branco máis barata que atopei e fun a unha festa de aniversario de alguén que non coñecía ca miña única amiga irlandesa. 

 

- Se tivese que escoller un poema do libro para unha futura antoloxía da súa obra poética completa cal sería? 

 

Os meus favoritos son os da segunda e terceira parte. Este é un dos que máis me gusta:

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela

 

- Como valoraría o estado de saúde da poesía galega na actualidade?

 

O estado de saúde da poesía galega é excelente e contamos con multitude de propostas, tanto canónicas como dende as marxes. O problema é que por moito que existan discursos interesantes non teñen a relevancia que deberían. A mítica problemática das artes.

 

 Presentación de deriva. (Fotografías cedidas pola autora)

 

 

- Podería recomendar algún título para esta época de inestabilidade que vivimos?

 

Para esta época en concreto non sabería que recomendar, pode que as biografías (auto ou non) sexan unha boa lectura. O último libro que lin foi A palabra exacta, a biografía de Lois Pereiro escrita por Antón Lopo. Trasladoume a outros mundos mentres estaba rodeada na praia de persoas con máscara.

 

- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?

 

A verdade é que nada, como xa comentei levo tempo sen centrarme en proxectos porque non quero introducirme nesa espiral, quixen desfrutar aínda que fose minimamente o tempo que pasei fóra e este verán adiqueime a estar con persoas que quero na medida do posible e a estar na casa, relaxada, buscando aquí de novo o meu lugar. Espero que as ganas e as ideas volvan pronto, creo que están máis preto do que penso. Para volver a escribir primeiro teño que aprender cousas novas.

 

 

 

Share on Facebook
Share on Twitter
Please reload

I'm busy working on my blog posts. Watch this space!

Please reload

Please reload

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com