Segundo Anfiteatro: O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro (A Coruña, 18/09/2020)

O pasado venres 18 de Setembro tiven a oportunidade de asistir novamente ó teatro. Dende o comezo da pandemia non acudira a ningunha representación teatral e adiquei os meus esforzos a falar de teatro dende a casa, como aquel que fala daqueles tempos, dos tempos mozos, dende a vellez. Unha das compañías das que falei en "Teatro na casa" foi de Ibuprofeno e da peza Raclette, alfaia imprescindible en calquera lista da literatura dramática galega contemporánea. Peza que é parte dunha especie de "ciclo gastronómico" da compañía do que tamén forman parte: Casa O´Rei ou O mel non caduca. Este último espectáculo foi a miña elección para falar de teatro de novo no meu blogue.


O mel non caduca é unha obra distinta das súas predecesoras. Se Raclette ou Casa O´Rei son relativamente clásicas en relación a súa narratividade, O mel non caduca é moito máis innovadora a nivel textual, escénico e lírico. É unha peza de moito lirismo e que reflexiona sobre temas moi diversos: o ecoloxismo, a morte, o concepto de pertenza, de fogar, os conflitos familiares ou o consumismo que xorde do capitalismo voraz.


O corpo e o movemento tamén exercen unha función relevante en momentos concretos da peza en combinación con unha escenografía aparentemente sinxela mais que xera unha morea de espazos escénicos "biodegradables" que aportan moitísimo á narratividade da peza. Elementos todos eles que se combinan harmonicamente e enriquecen un produto final que deixa un bo sabor de boca no público.

Con respecto ó texto, Santiago Cortegoso construíu unha peza baseada na dualidade no que se combinan dúas personaxes, dúas accións, dúas temporalidades e dúas posicións ben distintas sobre a relación co fogar e as raíces. Considero que o texto ten algunhas partes que poderían estenderse e outras acurtarse mais está moi ben estruturado e a mensaxe é clara e contundente. Un texto que non é tan orixinal a nivel formal como outros do autor, mais tamén a destacar dentro da súa produción textual.


Se falamos do elenco non descubrirei nada novo, tanto Avelino González como Marián Bañobre interpretan a perfección ós seus personaxes. Aínda que é certo que destaca moitísimo máis a personaxe de Marián Bañobre por ser a máis complexa da obra, xa que a maior parte das reflexións e da complexidade dramática do texto cae nela, considero que Avelino González cumpre con nota no seu papel.


O mel non caduca é unha obra que ofrece algo moi distinto dentro do histórico das obras de Ibuprofeno. Hai nela unha reflexión importantísima sobre a sustentabilidade, a obsolescencia programada e o consumismo que combina moi ben cunha reflexión sobre os lazos familiares e co sentimento de pertenza, case en termos biolóxicos, á terra na que se nace.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com