Recensión: Francisco Castro, Tantos anos de silencio




Título: Tantos anos de silencio

Autor: Francisco Castro

Editorial: Galaxia

Colección: Literaria (408)

ISBN: 9788491514374

Nº de páxinas: 244 páxs













Sinopse:


Un relato violentamente fermoso. Fermosamente violento.


O autor recrea nesta ambiciosa novela unha época de escuridade, paseos na madrugada, tiros nas cunetas, e corpos que sobreviven en covas devaixo das cociñas, mais tamén de utopías e soños de cambio, revolución e vida mellor. En efecto, todo é un soño feliz no pazo de Flavia ata que o 18 de xullo de 1936 comeza unha guerra que algúns aproveitan para urdir vinganzas que acaban deixando unha pegada misteriosa: umhas fosas comúns que agochan cinco corpos executados dun tiro na cabeza e un sexto esqueleto de muller que abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar. Ánxela, unha investigadora que garda a súa propia historia de violencia e dor, acepta dirixir a excavación das fosas e proponse deitar luz sobre todos os acontecementos dos primeiros días da guerra no pazo, pero axiña desexará tirar tamén do fío da identidade do misterioso poeta e da muller soterrada co libro. A través da investigación de Ánxela, iniciamos unha viaxe apaixonante entre 1936 e os nosos días en que descubriremos que o fascismo superou tempo e fronteiras.

En calquera sistema literario hai unha gran cantidade de obras que falan daqueles momentos da historia, teñan estes lectura positiva ou negativa, que son imprescindibles para comprender a nosa realidade actual. No sistema literario galego existen moitos máis exemplos deste tipo de obras que no castelán, por razóns obvias e que non é necesario comentar, polo que na formulación da historia e na calidade do texto estará o éxito ou non da obra.


Tantos anos de silencio fala dunha época de escuridade, de medo, dun tempo no que tamén existían ideas de cambio, esperanzas, que se depositaban nas palabras e nas pequenas accións. Unha historia crítica que afonda na destrución cultural, social e humana que provocou tanto a guerra civil como o ideario que a orixinou.


Todo era aínda que non puidese ser. O reino da senrazón instalárase nas cabezas e nos corazóns e calquera cousa era posible, incluso imposible. Como a misa da mañá, onde o cura uniformado, pistola ao cinto, falaba de paz, amor, perdón e misericordia ao tempo que os amenazaba de morte. Aquel cristianismo de bandeiras á dereita e esquerda da imaxe da Nosa Señor da Guía, era. Á dereita, a bandeira da Falanxe. Á esquerda, a de España. E, no medio, un cura de ollada asasina. E aos lados, falanxistas, gardas civís, soldados, cívicos, todos eles con fusís en alto, baionetas no aire, recibindo a beizón divina.


Esta foi, na miña opinión, unha experiencia lectora ben curiosa. Persoalmente pasei por varias fases durante a súa lectura. Nun primeiro momento tiven a sensación de que as dúas grandes historias que nela se contan, non teñen ningún tipo de conexión posible entre elas. Precisamente por isto lin a primeira parte da novela interesado unicamente nos feitos de 1936, pese a que anotei cuestións da investigación de Ánxela. Coido que hai unha evolución desigual nesta parte da historia, é dicir, a acumulación de feitos e a variedade de personaxes da época do 1936 choca fortemente cunha personaxe, Ánxela, da que coñecemos a súa problemática emocional, mais non temos a sensación de que avance nin actúe con respecto a nada.


Houbo un tempo en que eran persoas, seres humanos, xente. Xa non o son [...] Son medo. Non é que o teñan. Son.


Para ledicia dos lectores, na segunda parte da novela as dúas historias sitúanse paralelamente ata que se entrelazan. Francisco Castro pasa nese momento de escribir unha novela eminentemente crítica e política, a escribir unha novela de amor. Unha novela non so de amor carnal e de sentimentos, senón unha historia de amor na que a palabra, a literatura e aqueles que as defenderon tamén son protagonistas. Unha historia na que tamén se estuda a influencia negativa e tráxica do amor na sociedade: o amor ás ideas supremacistas, a obsesión, as relacións tóxicas, a visión patriarcal do amor, a imposición dos pensamentos e desexos propios fronte ó colectivo...


Non ía ser, sabíano todos os que estaban alí, aínda que ninguén llo dixese nunca, unha Nova España baseada naquela Liberdade grande que [...], para escándalo do cura e resto das forzas vivas, ía traer a cultura cando se estendese á totalidade da poboación. Unha Nova España, dicía Emilio Varela, "que nacerá dos poemas de Lorca, de Rosalía de Castro. Das ás que dan as palabras, a ciencia, a verdade".


Se teño que destacar algo que gocei da novela, sería o papel da palabra e a literatura nela. Fronte ós discursos fascistas e supremacistas, a literatura foi sempre sinónimo de liberdade. A poesía e a palabra como manifestación eterna dos sentimentos provoca terror nos discursos totalitarios, xa que son un legado atemporal e que recibirá unha posición histórica que xamais terá ningún eu.


Respecto do estilo, temos unha novela que resposta perfectamente ós principios da narrativa do autor e que xa vimos noutras historias: un narrador total que xoga cos personaxes, describe minuciosamente e introduce os seus pensamentos; longos períodos sintácticos (aínda que nesta novela tamén hai moitas partes onde predominan os curtos); e un gran traballo con respecto a representación das sensacións e os sentimentos. Tantos anos de silencio é unha novela no que a potencia das imaxes é tan importante que ofrece moitas posibilidades para o audiovisual.


Pese a desigualdade evidente, en termos de importancia, que hai no comezo da historia e sen ser unha das mellores novelas de Francisco Castro, Tantos anos de silencio é unha moi boa historia, eminentemente crítica e política, na que o amor toma o protagonismo ensinando todas as súas caras, fermosas mais tamén horripilantes, e onde finalmente se impón a lóxica atemporal dun amor real, igualitario e san, onde a palabra é sinónimo de liberdade. Aínda que iso non sexa exactamente o noso presente, agardemos que sexa o noso futuro.


Déronnos ollos para ver, os oídos para oír, a boca para falar [...] Se a violencia se abre paso na historia e nos edificios e porque hai moita xente tapando ollos, orellas e bocas. [...] Por iso o silencio, sempre o silencio, goberna durante décadas mentres as vítimas, do patriarcado, do fascismo, podrecen.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com