Recensión: Úrsula Heinze de Lorenzo, Delirios de placer


Título: Delirios de placer

Autora: Úrsula Heinze de Lorenzo

Editorial: Aira

ISBN: 9788494780752

Nº de páxinas: 120 páxs

 




Sinopse:


Sara convive cun marido impotente. Ten case setenta anos e mégase a ter que renunciar ao sexo. Decide contratar un masaxista erótico. Cando coñece a Cristian, un emigrante arxentino, a súa vida mudará para sempre. A relación entre ambos, aparentemente de comenencia, irá facéndose cada vez máis importante para unha muller que descobre de novo o seu corpo e explora os límites do seu pracer.

Ursula Heinze de Lorenzo revoluciona a narrativa galega actual propoñendo unha historia que creba varios tabús: a sexualidade das persoas maiores, a prostitución masculina, o desexo máis alá dos canons de beleza.

 

Sorprendeume gratamente a lectura deste libro que supón unha revolución no que se refire a literatura erótica en galego. Úrsula Heinze de Lorenzo propón unha historia onde se creban moitísimos tabús e na que se prescinde de tópicos típicos do bestseller deste xénero e preséntase unha sexualidade madura e moi contraria ó canon literario e moral.


Aínda que o principio non tiña moi claro como ía derivar esta historia e temía que se replicaran fórmulas das historias de amor máis tóxicas, coido que este libro resulta verdadeiramente brillante no que a perspectiva da relación respecta. Sara é o seu marido simplemente conviven, é dicir, viven vidas diferentes baixo o mesmo teito. A aparición de Cristian na vida de Sara supón o comezo dunha relación madura baseada na necesidade (sexa sexual ou sexa económico) de ambos. De feito, a sexualidade trátase nesta obra como un xogo erótico, exento de sentimentos e grandes palabras e vinculado estreitamente ó desexo. Sara nin sequera desexa a Cristian en si, senón a axitación que el representa para o seu corpo maduro.


No libro non hai peso ningún das descricións de espazos ou ambientes, senón que constrúese a base das sensacións que xorden dos encontros, o que fai da obra unha novela onde as cuestións psicolóxicas e as necesidades vitais son a única acción. O estilo é directo, orgánico e sinxelo polo que pode conectar con facilidade con calquera tipo de público.


Cara o final da novela semella que este boa formulación inicial se descompón, mais non é o que parece. A vinculación entre as personaxes é certamente máis emocional, mais non chega a romper a (in)estabilidade de ambos individuos e a impor un cambio radical nas súas vidas. É por iso que o final non é o agardado mais para min é o desexado.


En resumo, Delirios de placer é unha proposta rompedora e que hai que ter en consideración. Unha historia que rompe con moitos tabús con respecto a sexualidade e as persoas maiores e que coido que presenta un modelo de literatura erótica moito máis realista e agradable de ler.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais