Recensión: Anne Brontë, Agnes Grey


Título: Agnes Grey

Autora: Anne Brontë

Tradución: Celia Recarey Rendo

Editorial: Irmás Cartoné

ISBN: 9788494842184

Nº de páxinas: 256 páxs





Sinopse:

Cando a familia Grey perde a súa escasa fortuna, Agnes, a filla menor, decide poñerse a traballar de institutriz para contribuír ao benestar familiar e, de paso, coñecer mundo. Pero a vida laboral entre as clases nobres británicas será un pouco máis complicada do que a inxenua Agnes anticipaba.

Aínda que xa tiven a oportunidade de ler algún libro das irmás Brontë, esta foi a miña primeira inmersión nun texto de Anne Brontë, a irmá menos coñecida das máis famosas da literatura universal e eclipsada polo talento das outras dúas. Despois de ler este Agnes Grey, que Anne publicou co pseudónimo de Acton Bell en 1847 nun volume único xunto con Wuthering Heights, coido que o nivel da súa escrita e as reflexións que hai nela non ten que ser valorado coma unha obra menor.


Agnes Grey é un libro extremadamente intelixente e moderno pola época tanto polas reflexións que hai nel como polo sorprendente das decisións e accións da personaxe principal. Agnes non é pasional e non está limitada pola moralidade e ideoloxía da época, senón que a súa figura é a dunha rapaza afouta, independente e resolutiva. Pese a época na que se escribe a historia, hai un sentimento notorio de liberación da obra.


Que gozoso sería ser institutriz! Saír ao mundo, comezar unha vida nova, tomar as miñas propias decisións, exercitar as miñas facultades desaproveitadas, poñer a proba o meu potencial descoñecido, gañar o pan por min mesma e algo para reconfortar e axudar a meu pai, miña nai e miña irmá, ademais de liberalos de ter que me procurar alimento e roupa: demostrarlle a papá o que era quen de facer a súa pequena Agnes: convencer a mamá e a Mary de que non era a meniña indefensa e inconsciente que supoñían.


É certo que a relación amorosa que hai no libro non é suficientemente forte como para cativarnos e tampouco as figuras que saen na historia teñen un poder atractivo inmenso, sen embargo, e coido que aí está un dos maiores atractivos desta obra, non son en ningún momento necesarias. Agnes é o suficientemente interesante como personaxe como para facernos rir, amosarnos a vida laboral e as miserias dos nobres, e como para ser a protagonista dunha relación sentimental que non ten nada de extraordinario pero que Anne Brontë cociña a lume baixo para facela verosímil e perfectamente construída.


Agnes, personaxe principal e narradora, mesmo tómase a liberdade de falar directamente ó lector nalgúns momentos da obra e transcribe os ambientes e sensacións dunha maneira detallada e pictórica.


Por que dei conta da escena? Porque, lector, tivo importancia abonda para me procurar un serán alegre, uha noite de soños agradables de esperanzas felices. Frívola alegría, soños absurdos, esperanzas infundadas, dirá, e non ousarei negalo: sospeitas desta case xurdían con demasiada frecuencia na miña mente. Pero os nosos desexos son como a isca: o pedernal e o aceiro das circunstancias fan saltar en nós chispas que se apagan de inmediato, a menos que caian a isca dos nosos desexos: entón prenden ao instante e a chama da esperanza arde nun momento.


Volvendo ó tema do humor, non agardaba que tivese tantos momentos humorísticos esta historia. E coido que é un dos elementos que fan dela unha historia tan amena e divertida pese a que o ritmo narrativo non é moi alto. Mérito é, en gran parte, da estupenda tradución de Celia Recarey, que axuda a gozar da lectura aínda máis.


- O señor Hatfield asistiu ao baile?

- Abofé que si. Cría vostede que era demasiado bo para vir?

- Cría que podería consideralo pouco clerical.

- En absoluto. Non profanou a sotana bailando, pero cuestoulle ben conterse, pobre homre: parecía que estaba a morrer por me sacar a bailar aínda que só fose unha peza. Ah! A propósito, ten un novo coadxutor, o vello baldrogas do señor Bligh conseguiu por fin o posto polo que tanto devecía e marchou.

- E como é o novo?

- Oh, é unha besta! Weston, chámanlle. Podo describilo en tres palabras: un testán insensato, feo e estúpido. Son catro, pero non importa... non falemos máis del.


En resumo, sorprendeume moitísimo este texto de Anne Brontë e agardo que moitos de vós poidades darlle unha oportunidade. Agradecer a irmás cartoné o traballo de traducir este clásico e devolvelo ó nivel de importancia que merece e máis cunha edición tan coidada e fermosa a nivel textual e estético. Un pracer ler libros así.






Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

foto 3: atitude


 

a postura com que o cego

se aproxima à paisagem

a postura com que a surda

se achega à música

a postura com que a parapléxica

enfrenta a fugida.

Charo Lopes, Álbum (Aira, 2020)  

PREMIO CIDADE DE OURENSE DE POESÍA 2019

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com