Recensión: Antía Yáñez, Plan de rescate


Título: Plan de rescate

Autora: Antía Yáñez

Ilustracións: Xiana Teimoy

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491217282

Nº de páxinas: 176 páxs







Sinopse:


Xeila, Heitor, Aldán e Noela están traballando na aula de apoio da súa escola cando algo raro acontece. Oen un estrondo e a profe Xoana, que vai comprobar que pasou, desaparece. Onde estará? E o resto do colexio? Por que anda a policía fóra? Como di Noela: prepárate para vivir unha aventura na que hai escopetas, sangue, xuramentos e ata un plan de rescate, pero tamén un chisco de amizade, compañeirismo, traballo en equipo e mesmo algo de amor (puaggg, que noxo!).


Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2019

Se tivésemos que encontrar un criterio unificador para todas as obras publicadas por Antía Yáñez ata este momento este sería, sen dúbida algunha, o emprego da literatura como arma para cuestionar e desestabilizar todo aquilo que, dende unha perspectiva patriarcal e paternalista, considérase inmóbil. Non sorprende polo tanto, que unha autora que emprega a literatura como instrumento de liberdade recibise o Premio Augustiña Fernández Paz pola igualdade. Plan de rescate é a proposta pola que recibiu este premio, que pese a súa curta existencia, produciu obras de bastante interese para a LIX.


Plan de rescate é unha obra onde se atende a diversidade dende un punto de vista imprescindible. A diversidade é necesaria e a normalidade non é máis que unha perspectiva limitada e cega pola imposición dunha norma, sexa esta moral, política ou social, que non se cuestiona.


"Xa sei, xa. Estaredes pensando: como non vai saber esta de limitacións se vai en cadeira de rodas? Si, admitídeo. Veña. Se eu son sincera con vós, vós tamén o tedes que ser comigo. É xusto, non? Pois ben, unha cousa vos vou deixar ben clara: os impedimentos que eu poida ter non son debidos á miña cadeira, senón a que todo o mundo enteiro está pensado para a xente normalizada. Lestes ben, si: normalizada que non normal. Que que vén sendo isto? Pensade nun banco de peixes. Ou nunha bandada de paxaros. A que os imaxinades todos iguais? Copias uns dos outros? Pois mal feito. Iso é unha babecada. Unha auténtica sandez. Unha gaitada, unha ideotez. unha porrada. Cadaquén é cadaquén.


Os personaxes desta obra son persoas con discapacidades que limitan a súa participación no sistema, mais que teñen outras capacidades imprescindibles para o devir da nosa sociedade. As limitacións radican nas cabezas das propias persoas, non son reais, xa que calquera pode lograr os seus soños e superalas se loita con convicción. Interesante é que a esta proposta xa de por si suxestiva para os rapaces, a autora introduce a importancia do colectivo para resolver problemas. Se non fosen un grupo, un equipo, os nenos non poderían organizar este "plan de rescate" tan curioso.


“Non podiamos ser tan hipócritas como para salvar o CEIP O Hórreo e deixar o rapaz alí só nos baños. Hai que ter un pouco de coherencia nos temas estes de rescatar xente. Ou liberamos a todo o mundo ou a ninguén, pero deixar persoas polo camiñó porque nos caen mal ou porque son uns panocos, pois tampouco é plan. Máis que nada, porque entón non salvariamos a ninguén, que todo o mundo ten as súas eivas”. 


Outra das características de todas as obras de LIX da autora, é o emprego do humor como mecanismo que non so fai a historia máis divertida aínda, senón que hai un moito de sátira nel e de dobres sentidos que son tan facilmente comprensibles por adultos como por nenos. Precisamente considero que esta é unha boa lectura para ler en voz alta en familia na casa.


Plan de rescate é unha proposta potente por parte da autora e que agardo que agrade a todos os rapaces que lles apetezca unha historia divertida, crítica, reflexiva e con moito humor. Gustaríame tamén que aqueles adultos que a lean vexan tamén que o de Antía Yañez non é mal plan de rescate para a nosa sociedade.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

 

 

 

creme

 

se desafío esta fame

é porque vivo con ela.

Regina Touceda, en deriva 

(Espiral Maior, 2020)  (Fragmento)

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com