Recensión: Antonio M. Fraga, santoamaro


Título: santoamaro

Autor: Antonio M.Fraga

Editorial: Xerais

Colección: Fóra de xogo

ISBN: 9788491218470

Nº de páxinas: 128 páxs

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020


Sinopse:


Finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar. Nese único escenario van agromando as relacións e os segredos, a amizade e a traizón, os medos e as feridas. Cara ao final do verán, un terrible acontecemento dinamitará o que semellaba un grupo indestrutible e desvelará aspectos dos protagonistas ocultos até entón. santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva.

Celebro a chegada deste santoamaro de Antonio M. Fraga ás librarías, non so por ser o título galardoado co Premio Jules Verne de literatura xuvenil 2020, senón tamén polo sorprendente dos elementos que nel atopo e cos que non contaba nun primeiro momento.


O novo libro de Antonio M. Fraga afástase moito dos tipos de personaxes e de tramas que creara ata o momento resultando, ademais, especialmente interesante tanto a nivel lingüístico como literario. Supón unha mestura moi libre entre elementos do teatro e da narrativa que o autor emprega para presentar unha gran variedade de temáticas que son parte do día a día dun adolescente.


A resolución das distintas tramas paréceme, en xeral, moi axeitada e gústame especialmente a relevancia que se lle da a construción dos personaxes mediante os seus sobrenomes e comportamentos. Non temos ningunha personalidade construída ó chou, senón que é posible recoñecer moitas veces a algúns personaxes unicamente polos seus feitos e referentes.


santoamaro como espazo é unha elección perfecta para esta sorte de traxicomedia novelada. A súa localización e ser un espazo ó aire libre permite ó autor xerar un espazo único onde todo é volátil e se axeita os seus criterios. A climatoloxía e as partes do día axéitanse perfectamente as necesidades do autor e fan do espazo "escénico" un lugar onde todo é posible.


A nivel lingüístico esta historia supón a introdución na lingua galega, dunha maneira moi fluída e consciente, do slang xuvenil tal é como é nesta época. Coido que algúns lectores non estarán moi de acordo coa cantidade de palabras adaptadas doutras linguas, sendo algunhas mesmo préstamos innecesarios, que hai neste libro. Sen embargo considero que reflicte perfectamente a linguaxe xuvenil actual e os seus referentes socioculturais e lingüísticos. Este fenómeno existe en todas as línguas e é algo que é necesario aceptar.


En resumo, santoamaro resultou unha lectura moi entretida e intensa que como artefacto literario ten tamén bastante que dicir.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

«pequena occidental,

confías na historia das palabras

porque nunca puideches confiar na dos homes»

    Alba Cid, Atlas (Galaxia, 2020). (Fragmento)

Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020