Recensión: Cándido Pazó, Fillos do sol



Título: Fillos do sol

Autora: Cándido Pazó

Editorial: Editorial Galaxia

Colección: Teatro

ISBN: 9788491516460

Nº de páxinas: 112 páxs.


 





Sinopse:


Elucubración escénica nun acto e un epílogo. A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, un octoxenario Eduardo Pondal, corroído pola neurose no devalar da súa vida, enfróntase a medos, dúbidas e insatisfaccións creativas ao redor da obsesión pola súa obra capital, Os Eoas, tendo como interlocutores un personaxe nado da súa perturbación e a noviña criada da pensión en que se aloxa.

 

A Editorial Galaxia engade un novo título a súa recente colección "Teatro" e esta obra non podía ter outro autor que non fose un dos maiores expoñentes do noso teatro, Cándido Pazó. A súa peza Fillos do sol, que nace dentro das actividades do FIOT e estreouse no ano 2017 no propio festival, é unha obra que ten como principal obxectivo conmemorar a figura de Eduardo Pondal no seu centenario. Por iso mesmo, resulta unha excelente toma de contacto para aqueles que descoñecen información relevante sobre a súa vida e obra.


O autor preséntanos tres personaxes en escena: Eduardo Pondal (presentado mediante o seu desdobramento en dous personaxes: Don Eduardo e Eduardo) e a criada da pensión na que se aloxan, Rosa. As interaccións entre os dous primeiros son as que levan o peso da obra e as que implican un espazo para a reflexión sobre o papel do poeta, a importancia de conservar a nosa historia ou os medos e insatisfaccións dos artistas. Todo isto sempre tratado dende diálogos axeitados para todo tipo de públicos e normalmente cargados de comicidade.


Don Eduardo: Non lembraba esa historia.

Eduardo: Como non a ías lembrar?

Don Eduardo: Non a lembraba, non.

Eduardo: Se a lembraba eu!

Don Eduardo: Ti si, pero eu non.

Eduardo: Todo o que eu lembro é porque ti o lembras.

Don Eduardo: Xa, xa... Pero non foi exactamente así.

Eduardo: Pois claro que non foi así! Pero así é como se conta, e iso é o que conta.

Don Eduardo: Aí non che falta razón, pero...

Eduardo: Pero nada, Eduardo. O que conta é o relato, non o suceso...

Don Eduardo: Si, pero só os grandes sucesos merecen grandes relatos. (páx. 29)



Don Eduardo: O bardo non lles fala ás persoas.

Eduardo: A quen, daquela?

Don Eduardo: Aos pobos.

Eduardo: E os pobos que son, máis que persoas? Xente que quere topar nos nosos versos ecos dos seus sentimentos, dos seus modelos, dos seus soños, das súas ilusións, das súas dúbidas, das súas certezas, das súas esperanzas...

Don Eduardo: Tamén das colectivas.

Eduardo: Tamén, si. (páx. 66-67)


A presencia de Rosa e a súa historia persoal, ademais de elemento cómico, serve tamén para personificar a realidade da Galicia dos tempos de Pondal e de gran parte da nosa historia. A súa participación convida tamén a Eduardo a unha reflexión en clave social da importancia da súa obra.


En certo modo, Fillos do sol nace da promoción da figura do autor mais resulta unha obra bastante entretida para aquel que escoita por primeira vez o seu nome. A lectura do texto é unha tarefa sinxela, as ideas de fondo son moi valiosas e hai moito humor en cada escena. Para aqueles que non se atrevesen nunca a enfrontarse á lectura dunha obra de teatro, esta é unha moi boa escolla. Especialmente interesante como material didáctico, esta obra non esquece entreter a aqueles que non coñecendo a figura de Pondal teñan interese en afondar en aspectos da súa figura dunha maneira amena.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais