Recensión: Diego Casal, Siradella


Título: Siradella

Autor: Diego Casal

Editorial: Do Peirao

ISBN: 9788417986582

Nº de páxinas: 294 páxs

 








Sinopse:

No monte Siradella comeza e conclúe o repaso, trinta anos despois, á excepcional e descoñecida vida de Vicente Piñeiro. Así como a de Vincent Wale. Unha vida ateigada de casualidades e acontecementos extraordinarios que decorre a través da Galiza de finais do século XIX, das orixes do cinema ou da guerra civil española entre outros moitos lugares e épocas. E na que mesmo se resolverá a procedencia dun misterioso Óscar. Unha viaxe na procura da identidade tanto do propio Vicente como do autor xa que tal e como afirma o protagonista da novela: O pasado sempre está presente.

 

Sorpresa maiúscula a que levei coa lectura de Siradella (Do Peirao, 2020), a primeira novela de Diego Casal. Unha historia que presenta un enigma moi vivo, repleta de pequenas biografías que decorren moitísimos feitos históricos da historia galega e mundial dende finais do século XIX e que resulta un debut bastante salientable do autor na literatura galega.


Gustoume especialmente o ben tratados que están os personaxes principais e o retrato tan real e pormenorizado que se fai da vida de Vicente Piñeiro. De feito, lamento un pouco que os personaxes externos ou que fan o traballo de "marco" para esta historia, Sara e o "eu", teñan tan pouco percorrido porque están moi ben construídos. As similitudes entre autor e narrador son recoñecibles cunha ollada breve a súa biografía, mais non interesan á hora de valorar ó seu narrador. No aspecto puramente literario, agardo que o eu desta novela poida protagonizar moitas máis historias.


Na parte negativa hai poucos aspectos a sinalar. Persoalmente prescindiría dalgúns pormenores de historias de personaxes "non tan esenciais" para a trama, como por exemplo os pais de Vicente, e retocaría algunhas das entrevistas da parte final. Mais penso que estes elementos non son un erro na construción e estrutura da obra, senón que son a evidencia de que na propia historia hai material suficiente para escribir un ou dous volumes máis. Botei en falta tamén un pouco máis de traballo cos espazos e ambientes, mais é certo que a temática fai que este aspecto se sitúe sempre nun segundo plano.

En resumo, Siradella supón unha historia moi ben construída onde os poucos brancos que hai conducen a moitas preguntas e interpretacións por parte dos lectores. Unha lectura moi divertida, que combina gran cantidade de xéneros literarios e estruturas discursivas e que da visibilidade a figuras esquecidas da historia do cine e literatura por cuestión de ideoloxía, nacionalidade ou sexo. En resumo, unha boa lectura para este verán.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais