Recensión: Elba Pedrosa, O que non sabías


Título: O que non sabías

Autora: Elba Pedrosa

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491216520

Nº de páxinas: 160 páxs






Sinopse:


Por veces, as pegadas que deixa a vida son tan intensas que esborranchamos o presente coa dor do pasado e co silencio. Marisa, muller afouta e tenaz, non vai permitir que os erros da mocidade nin os prexuízos lastren o seu destino. A través das lembranzas da adolescencia, o seu fillo Roberto proxecta a admiración incondicional cara a ela e culpa do desacougo ao proxenitor. Esta novela condúcenos por sentimentos confrontados que exploran vidas cotiás e os seus pasados, vidas nas que tamén se agochan inconfesables segredos familiares e momentos complexos, especialmente para as mulleres. "O que non sabías" é unha historia intimista, calma, de miradas significativas, de contrastes e paixóns. Unha procura de liberdade e amor na que o silencio impregna con protagonismo as persoas, e o mar devolve o que un día levou.

Calquera novidade merece a atención da crítica e, en especial, aquelas que significan a incorporación dunha nova autora ó noso sistema literario. O que non sabías, publicada simultaneamente tamén en castelán, supón o debut de Elba Pedrosa na literatura galega. Unha novela breve con moitos acertos e tamén coas súas eivas, pero que en liñas xerais constitúe unha boa carta de presentación.


O que non sabías é unha historia moi intimista, onde os sentimentos, as pantasmas do pasado e os segredos son os elementos imprescindibles para construír a acción. As súas personaxes son bastante correctas, aínda que faltoume un pouco máis de traballo con elas, e a localización da acción é un "non lugar" con pouco protagonismo e sen excesivo detalle. Sen embargo creo que, pese a ter tamén a emigración como elemento importante na trama, a autora non peca na repetición ilóxica de motivos e discursos xa moi maltratados pola tradición, e os seus narradores tampouco recorren a este imaxinario en ningún momento. Cousa que é de agradecer, porque nunha novela como esta non era necesario integrar ningún deses elementos.


“Aínda estou a reler libros dos que me deixaches nas caixas. Téñoas agochadas debaixo do catre para que a xente non ande con díxomes de que non coido dos fillos pola lectura. Non hai cousa coa que goxe máis ca cos libros. E con imaxinarte ao meu lado coma se non marchases nunca. Ti tamén o fas?”


A novela comeza con forza, pese a un exceso de lirismo evidente no primeiro capítulo, debido a intriga que propón a autora, cimentada en varias personaxes e unha serie de cartas que reconstrúen o pasado das mesmas. Esa intriga inicial é un elemento de tal forza que consegue atrapar o lector nas súas páxinas, algo que non é fácil conseguir nunha primeira historia. Mención merecen tamén todas as cartas do libro polo traballo evidente que hai nelas e pola súa importancia na historia. Non existe nada peor que integrar elementos nunha novela que non teñan sentido e Elba Pedrosa non o fai.


Na segunda parte da historia a autora mantennos coa intriga dunha maneira moi loable e temos a necesidade de saber máis. O único obxectable é que esa intriga estoupa nunha parte final da historia que precisaría de moitas máis páxinas. É dicir, a tensión narrativa estoupa pola necesidade dun pouco máis de atención, non por falta de talento para construíla. Algo que da moita rabia nun traballo coma este, onde hai unha case perfecta construción da mesma. Tamén é necesario engadir que gústame que se introduza a lectura e a literatura no libro como unha medicina para enfrontarse á vida e tamén como unha maneira de vincular personaxes entre eles. Acerto total.


En resumo, o debut de Elba Pedrosa na literatura galega se pode cualificar como de esperanzador. Hai nela talento como narradora e moita forza nas súas páxinas, cousa imprescindible para facer ficción. O que non sabías é unha novela moi correcta a nivel temático e formal e con apenas cousas que mellorar. Tempo ten a autora para facelo nunha carreira literaria que agardo sexa longa e produtiva.


“E dende que mamá chegara aquela madrugada soa de volta á casa, para min o silencio xa fora en adiante o mesmo que a morte”.




Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

foto 3: atitude


 

a postura com que o cego

se aproxima à paisagem

a postura com que a surda

se achega à música

a postura com que a parapléxica

enfrenta a fugida.

Charo Lopes, Álbum (Aira, 2020)  

PREMIO CIDADE DE OURENSE DE POESÍA 2019

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com