Recensión: Helena Attlee, O país onde medran os limoeiros


Título: O país onde medran os limoeiros

Título orixinal: The Land Where Lemons Grow

Autora: Helena Attlee

Tradutor: Moisés Barcia

Editorial: Rinoceronte

ISBN: 9788417388430

Nº de páxinas: 280 páxs





Sinopse:

A historia dos cítricos percorre a historia de Italia coma un fío dourado. Helena Attlee aproveita este feito para levarnos da man nunha viaxe única e intensa polo pasado cultural, moral, culinario e político deste país. A autora entretece literatura de viaxes, historia, receitas, horticultura e arte para ofrecer un relato sobre as orixes dos cítricos e a súa influencia no destino do pobo italiano.

Fai case un ano recomendeille a unha amiga alemá que quería facer unha viaxe por Islandia o libro de Jón R. Hjálmarsson, Mapa de estradas lendario de Islandia, tamén publicado por Rinoceronte en galego, e do que xa falei anteriormente no blogue. Ela, que coñece a miña afección por Italia e a súa lingua, recomendoume The Land Where Lemons Grow. Anotei esta referencia e poucos meses despois atopei o libro nunha libraría publicado en castelán por Acantilado. Lin un par de críticas sobre o texto e curiosamente todas eran bastante negativas polo que eliminei este título da miña lista de desexos. Sorprendentemente para finalizar este ano pandémico Rinoceronte publicou este libro en galego e, baseándome no catálogo de calidade que teñen, decidín que algo verían neste libro para publicalo na nosa lingua.


Gustaríame dicir que este libro é un ensaio, como o definiu máis dun crítico, mais creo que é unha visión errónea, ou polo menos limitada. Helena Attlee fala da historia de Italia dende os propios fíos da súa vida, das persoas que coñece nas súas visitas e a historia dos cítricos; ó mesmo tempo introduce na narración moreas de anécdotas, receitas e curiosidades sobre as rexións que percorreu durante anos. Coido que so podo definir este libro coma unha obra viva, orgánica e que penso que non caducará nunca.


A idea de que Calabria é una terra difícil para os viaxeiros segue tendo os seus defensores, e cando anunciei o meu plan de ir alí, algúns dos meus amigos do centro de Italia trataron de disuadirme de que alugase un coche. Dixéronme que as estradas eran excepcionalmente perigosas e fixeron escuras alusións a `Ndrangheta. "Non te fíes de ninguén", dixeron finalmente, coma se fose ir a un continente afastado, e por un momento sentinme nerviosa. E é certo que Calabria se considerou durante moito tempo a parte máis illada e empobrecida de Italia. (...) Un productor de cidras do norte de Calabria fixo que entendese o dominio que ten este corrupto ambiente político sobre a vida da xente. Contoume a súa historia, fascinante, impactante e inmensamente detallada mentres conducía pola accidentada pista que atravesaba a súa plantación de cidras, tratando de facerse oír entre uns ruidosos limpaparabrisas e o repequine da chuvia no teito do seu vetusto Fiat Cinquecento.


A autora consegue que falar de cítricos sexa interesante para o espectador que non se interesa por este tipo de temas e transmite a súa paixón e os seus coñecementos dunha maneira tan liviá. Foi verdadeiramente divertida a súa lectura e coñecer tantos datos que descoñecía sobre a sociedade, cultura, lingua, moral e produtos dun país polo que teño enorme interese. Sorprendeume gratamente a influencia que teñen os cítricos sobre a cultura italiana antiga e moderna e a cantidade de usos que teñen algúns deles.


Cando lle dixen á "padrona" do restaurante La Rondinella de Scalea que viñera á Riviera dei Cedri pola colleita de "esrogim", encheume de inmediato o vaso de "cedrello" e saíu correndo a "pasticceria" do lado para coller algo moi especial con que acompañalo. Volveu cun perfecto paquetiño de follas pulcramente atadas cun vimbio. Desateino con coidado e desdobrei as follas. Por suposto eran follas de cidreira, e o paquetiño cocérase no forno ata quedar crocante. Dentro estaban aniñadas tres ou catro repoludas uvas pasas empapadas en "cedrello".


Para min é curioso que este libro non tivese maior aceptación crítica nalgunha das súas traducións. Agardo que a tradución do galego, mérito de Moisés Barcia, teña moita maior sorte. Nestes tempos pandémicos viaxar ó estranxeiro coa seguridade suficiente como para perderse nel é imposible, polo que penso que este libro non puido publicarse en galego en mellor momento. Convídovos a viaxar con el e un bo café a Italia, o país dos cítricos.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

foto 3: atitude


 

a postura com que o cego

se aproxima à paisagem

a postura com que a surda

se achega à música

a postura com que a parapléxica

enfrenta a fugida.

Charo Lopes, Álbum (Aira, 2020)  

PREMIO CIDADE DE OURENSE DE POESÍA 2019

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com