Recensión: Kenji Miyazawa, Unha noite no tren da Vía Láctea


Título: Unha noite no tren da Vía Láctea

Título orixinal: 銀河鉄道の夜 (Ginga Tetsudō no Yoru)

Autor: Kenji Miyazawa

Tradutor: Gabriel Álvarez Martínez

Ilustracións: Miguel Robledo

Editorial: Aira Editorial

ISBN: 9788412263145

Nº de páxinas: 276 páxs



Sinopse:


Por fin a famosísima obra literaria de Kenji Miyazawa se publica en galego. Neste volume, traducido por Gabriel Álvarez e ilustrado por Miguel Robledo, inclúense sete dos seus relatos máis coñecidos: ‘Unha noite no tren da Vía Láctea’, ‘A estrela da avenoiteira’, ‘A araña, a lesma e o tanuki’, ‘A oficina dos gatos’, ‘Orbel e o elefante’, Matasaburó, o do vento’ e ‘Gauche o violoncellista’. A poesía do cotián, a desbordante imaxinación e a tenrura caracterizan un clásico moderno, considerado “o Principiño” da literatura xaponesa. Este libro forma parte da colección ‘Clásicos ilustrados’ e puido publicarse mercé ao apoio económico de máis de 60 mecenas.

Como amante da lingua e cultura xaponesa os relatos de Ginga Tetsudō no Yoru de Kenji Miyazawa estaban na miña lista de lecturas pendentes. Precisamente por iso cando recibín noticia da futura publicación de esta obra en galego, e con tradución de Gabriel Álvarez e ilustracións de Miguel Robledo, non tiven dúbida ningunha con respecto a participar dunha campaña de mecenado que resultou ser un éxito.


Os relatos de Kenji Miyazawa son verdadeiramente inesquecibles. En todos eles hai un elemento fantástico, fabulador, que xorde do cotián e un protagonismo animal que dota os relatos dunha dozura e beleza que fai que sexan aptos para calquera tipo de público. A imaxinación deste autor é para min o elemento que fai deste libro unha obra de enorme valor literario, é dicir, a capacidade de construír relatos desta calidade con poucos elementos e referentes sinxelos é posible para moi poucos autores.


Respecto da edición non podo facer outra cousa que eloxiar o traballo de todos os responsables. As ilustracións de Miguel Robledo son fermosísimas e o bo gusto na elección das cores fai do volume unha obra moi atractiva a primeira vista. En canto ó traballo co texto, teño que destacar a tradución de Gabriel Álvarez debido a introdución dunha guía de pronuncia do xaponés para galegofalantes na edición e pola presencia de poucas notas ó pé, cousa que permite que os lectores lean as historias sen apenas distraccións. De feito, non é casual que esta tradución teña unha candidatura na Gala do Libro 2021.

Unha das ilustracións de Miguel Robledo para "Unha noite no tren da Vía Láctea".

(Ilustración: Miguel Robledo ©)


En xeral non podo estar máis satisfeito co traballo que se fixo na publicación deste libro. Temos unha edición á altura da calidade do texto orixinal e a que sempre será boa idea retornar. Tanto adultos coma nenos gozarán das historias deste libro que, sen dúbida, será un dos imprescindibles do catálogo de Aira Editorial co paso do tempo.




Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

«pequena occidental,

confías na historia das palabras

porque nunca puideches confiar na dos homes»

    Alba Cid, Atlas (Galaxia, 2020). (Fragmento)

Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com