Recensión: María Xosé Queizán, Despoxos e vísceras ilustres


Título: Despoxos e vísceras ilustres

Autora: María Xosé Queizán

Editorial: Xerais

Colección: Ensaio

ISBN: 9788491210160

Nº de páxinas: 264 páxs

 






Sinopse:


O corazón de Percy B. Shelley, poeta romántico inglés, é un dos protagonistas deste libro. Despois dunha morte por afogamento e de pasar varios días no mar, as amizades conseguen incinerar o escritor, pero a súa víscera do amor e dos sentimentos, a máis acaída ao romanticismo, resístese á desaparición para regresar a carón da súa amada Mary e do seu fillo Florence. O cerebro de Lenin, despois de morto este, será sometido polos dirixentes da Unión Soviética (que pretendían demostrar a súa excepcionalidade) a un rigoroso estudo que lles permita obter datos neurolóxicos sobre a intelixencia usando índices materiais, e en contra dos aspectos psicolóxicos e metafísicos. O corpo da socialista e marxista Rosa Luxemburgo, derramado pola auga, polo xeo e por diferentes animais do río Spree, será exhumado en tres ocasións. En «Despoxos e vísceras ilustres», María Xosé Queizán desprázase pola existencia dos poetas románticos ingleses, pola política bolxevique en Rusia e na deriva do socialismo alemán despois da Primeira Guerra Mundial. Paralelamente, a través do mito e a percepción da realidade, do misterio e a truculencia de ilustres vísceras, entramos na historia de tres personaxes universais, tres vidas intensas e accidentadas, tres corpos alterados.

 

Fai poucos días lin un artigo sobre o sangue de San Genaro, un dos "prodixios",que non "milagres", en palabras da igrexa católica, máis curiosos da humanidade. Non puiden evitar cuestionar o motivo de ese culto ós restos, é dicir, a aqueles "despoxos" que deixamos tras o noso paso polo mundo. En Despoxos e vísceras ilustres, de María Xosé Queizán non atopo, nin se pretende nel, ningunha resposta a este feito, mais gardo da súa lectura unha gran cantidade de información sobre a simboloxía das mesmas.


Cando isto escribo, moita xente aínda acredita no creacionismo, e pouca quere oír falar de que está próxima a creación humana que xa foi substituíndo a divina. Os criterios de Frankenstein vanse cumprir, por métodos menos truculentos que os cadáveres que el empregou, grazas aos enormes adiantos científicos. Se ben é certo que este paso puido darse con anterioridade de non estaren as mulleres abaixadas no naturalismo e afastadas da educación e dos adiantos científicos. Aos cincuenta anos de conseguir a igualdade na educación, pola implantación da lei de ensino obligatorio e gratuíto para ambos xéneros, en España son xa maioría nas universidades de todas as materias. A imaxinación apenas nos dá para pensar como seria a realidade de non estaren as mulleres oprimidas, dedicadas ao traballo escravo, a parir e coidar, encerradas na escuridade e sen alfabetizar per "saecula saeculorum".


Este libro componse de tres ensaios de extensión similar e dun interese cultural enorme. O primeiro versa sobre a figura de Percy B. Shelley e o seu corazón, recollido directamente por Edward John Trelawny, quen o sacou do lume coas súas propias mans en plena incineración do corpo do poeta. Queizán fai un repaso exhaustivo pola figura do poeta sen esquecer á figura de Mary, de feito, é tan importante como o autor no propio estudo.


Foi unha parella que non deixou de ler e de comentar o que lían desde o comezo da súa relación. Xa podían sucederlles calamidades, non ter que comer nin onde durmir, viaxar a pé por desfeitas corredoiras... Nada lles impedía ler; sempre tiñan tempo para encontrar unha rocha na que sentar a ler o libro que levaban na man, mesmo se non tiñan nin un anaco de pan que levar á boca. O alimento das súas mentes era máis importante que o dos seus estómagos.


Pese a que coñecía case todos estes feitos e pensaba que non me aportaría nada novo a súa lectura, sorprendeume atopar a tradución de parte da correspondencia de Shelley con Byron ou coa propia Mary, ó que aporta a este ensaio un interese aínda maior. Gustoume tamén coñecer as impresións da autora coñecendo os lugares que aquel grupo de poetas visitou e nos que viviu parte da súa intensa vida.

The funeral of Shelley (1889), de Louis Edouard Fournier


O segundo e o terceiro ensaio teñen como protagonistas a Lenin e a Rosa Luxemburgo respectivamente. Para min son os máis interesantes do libro, sobre todo o segundo, porque neles o estudo apartase un pouco dos datos e céntrase tamén das impresións da autora e a evolución da súa fascinación por Rusia.


Aludía ao principio ás miñas expectativas antes de iniciar a viaxe. Creo que foron superadas. Encontrei un país que conserva os vestixios dun grande imperio e unha enorme riqueza. Non esperaba tanto. A arte e a cultura asoman por todas as partes dun modo case asoballante [...] Sei que hai outra Rusia subxacente, pero tamén hai outra España que a maioría ignora ou sabe algo dela porque lla mostran na televisión.


É por iso que nel temos unha análise moito máis profunda de cada espazo e cada personaxe histórica. Aínda que o tema de moito de si, a paixón da autora polo contado aporta moito máis valor ó texto. Precisamente por iso hai nel reflexións propias de moito interese para comprender as motivacións vitais e culturais da autora.


Ante o lume escintilante da tumba do soldado descoñecido, penso no valor da democracia que permite honrar un soldado e, máis aínda, descoñecido. Un ser considerado innobre, temeroso, covarde; un ser da masa, carente de nome e valor individual para ser honrado, non só polo pobo, senón polos mandatarios que colocan coroas de flores aos pés do monumento, de todos os monumentos ao soldado descoñecido do mundo. É moi gratificante. Aínda que o monumento que agardo, aquel que nos honrará definitivamente, é o que celebre a fin das guerras entre a humanidade.


Grazas a este texto coñecín a figuras históricas das que non tiña constancia - como Fiodor Volkov, Valentina Tereshkova ou Vera Figner- e fixen unha viaxe intensa por San Petersburgo e outras partes de Rusia guiada polo testemuño da autora.


En resumo, Despoxos e vísceras ilustres é un estudo e un ensaio, mais tamén un retallo da biografía dunha das grandes intelectuais do país e un convite a viaxar polo mundo e pola historia da humanidade.


Teño xa comentado que me producen grandes satisfaccións as investigacións para escribir os meus libros. Como estou tan metida nas historias, sucédenme azares sorprendentes, situacións que a miña mente racional só pode atribuír ao azar, aínda que non deixan de asombrarme.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais