Recensión: Richard Harding Davis, Na néboa


Título: Na néboa

Título orixinal: In the fog

Autor: Richard Harding Davis

Tradutora: María Alonso Seisdedos

Editorial: Hugin e Munin

ISBN: 9788412128062

Nº de páxinas: 80 páxs



Sinopse:


Na néboa, publicada orixinalmente en 1901, é unha hábil historia detectivesca –só que sen detectives– e asemade un logrado exemplo de novela enigma. Como acontece con outros textos do autor, a aposta decidida polo humor e o entretemento intelixente serán claves no artellamento da trama, unha sorte de whodunit, onde de maneira lúdica e misteriosa se lanzan pistas até por fin chegar á resolución do caso, algo no que anos máis tarde destacarían a nivel internacional autores como Agatha Christie ou o tándem Ellery Queen.

Ao día seguinte da gran néboa londiniense de 1897, varios membros dun selecto club, The Grill, recompoñen pouco e pouco o crebacabezas dun presumible dobre asasinato. Tras a demorada reconstrución que conforma o relato marco, ateigada de especulacións, testemuños e narracións intercaladas, un xiro inesperado conduce ao que a crítica definiu, de forma unánime, como un enxeñoso final.

Outros engados da obra están na recreación da atmosfera bretemosa e melancólica da capital inglesa, na axilidade dos diálogos, no continuo xogo cos clixés e na utilización, levemente burleira, de personaxes de avoengo (parlamentarios, nobres, princesas rusas…), que se moven e discuten nun atractivo ambiente vitoriano.


Normalmente no meu espazo non aparecen moitas novelas detectivescas, thrillers ou de xénero negro porque non é o tipo de literatura que adoito ler. Sen embargo, teño que recoñecer que a idea de ler unha historia enigmática e detectivesca, mais sen detectives, como a que propón Richard Harding Davis espertou a miña curiosidade.


Cando lía Na néboa tiven a sensación de ler unha crítica bastante intelixente ás propias novelas detectivescas de estética vitoriana que estaban tan de moda na época. É unha historia que se apoia nos tópicos deste tipo de novelas enigma mais que os supera grazas a introdución do humor, a sátira e unha trama sorprendente. O lector ten a sensación de ser parte do grupo de membros do The Grill e o seu enxeñoso final supón a confirmación de que a historia é moito máis intelixente do que se podería pensar.


A néboa de Londres é tamén un personaxe máis nesta historia. É unha néboa densa e cegadora e so permite ver o que o autor pretende que sexa visible. Tamén a súa existencia xera distintos ambientes dentro da narración e unha atmosfera lúgubre que envolve todo. De feito, na miña opinión persoal, a novela é como a propia néboa nun sentido metafórico, engana a nosa percepción co paso das páxinas e oculta información baixo todos aqueles tópicos das grandes novelas de Conan Doyle e as futuras de Dorothy L. Sayers ou Agatha Christie.


En resumo, Na néboa resultou todo un acontecemento dentro das miñas lecturas máis recentes. Sorprendeume moito que un autor estranxeiro coñecese tan ben os códigos das novelas detectivescas británicas da época, tamén que puidese describir dunha maneira tan intensa un espazo alleo, como é o londiniense, e que artellase unha historia tan intelixente e suxestiva en tan poucas páxinas.










Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

«pequena occidental,

confías na historia das palabras

porque nunca puideches confiar na dos homes»

    Alba Cid, Atlas (Galaxia, 2020). (Fragmento)

Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com