Recensión: Rosa Aneiros, Sibila


Título: Sibila

Autora: Rosa Aneiros

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491218913

Nº de páxinas: 240 páxs.

 



Sinopse:


É noite, a marea vai para arriba e chove a esmadrasar cando unha muller penetra ás agochadas nunha illa practicamente inexpugnable na boca da ría. É a neta da Rubia, a tola do argazo. A filla da expulsada. Sibila regresa ao lugar en que foi animal sen domesticar nun tempo en que todo foi seu. Agora nada ten agás a encarga dunha misión que cumprir e a terrible certeza de que lle vai a vida niso. Durante a estadía na illa irá descubrindo o salvaxe que nela habita: as tensións lacerantes entre quen é e de quen vén sendo; entre un pasado que estoura e un futuro que a aboca ao abismo; entre a ansia da mente e a vontade voraz do corpo. En «Sibila», a nova novela de Rosa Aneiros, nada é o que parece. Ou si. Talvez sexa exactamente o que parece, o que ninguén quere ver.

 

"Singular" é o mellor cualificativo que se me ocorre para definir a nova historia de Rosa Aneiros, Sibila (Xerais, 2021), e da que creo que moitos lectores van gozar moitísimo, precisamente polo inesperado e simbólico do seu contido e pola sensación abafante de inestabilidade que produce a atmosfera desta historia.


Situámonos entón nunha historia onde temos a sensación constante de que presenciamos un proceso de autodestrución, onde lemos case con nerviosismo porque sabemos que algo importante vai acontecer e, porén, non atopamos evidencias claras que permitan descubrir o final desta historia. Unha experiencia lectora semellante a cruzar unha ponte entre unha néboa tan densa que aínda que vemos o camiño, que marca claramente a autora, non temos a máis remota idea do que atoparemos ó outro lado.


A nivel narrativo é unha historia complexa que combina moitas temporalidades e perspectivas distintas sobre os mesmos feitos e que presenta unha gran cantidade de personaxes nun espazo teoricamente limitado. Con todo, esta "illa", que semella unha mistura de elementos de moitas illas e localizacións costeiras do país, é tamén unha personaxe máis na historia. A súa importancia é capital para comprender a todos aqueles que habitan nela, tanto a nivel do seu comportamento como das súas perspectivas de futuro.


Os personaxes, pese a súa diversidade, están moi ben construídos, incluso aqueles que responden a arquetipos sinxelos ou que teñen escasa participación na historia. Sorprendeume especialmente que case todos resultan bastante impulsivos e actúan na meirande parte da historia dunha maneira pouco fría e organizada. Coido que resultan una metáfora perfecta dunha illa chea de natureza viva onde os caprichos do tempo atmosférico son tamén un condicionante en calquera decisión.


En xeral, Sibila é unha viaxe sorprendente por temáticas diversas que propón moitísimas interpretacións, chea de simbolismo e na que temos a sensación de viaxar por un mundo no que todo é salvaxe e descontrolado para rematar decatándonos de que a verdadeira historia pode que aínda non comezase. Sen dúbida, unha das novelas máis especiais e sorprendentes publicadas no que vai de ano.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais