Recensión: Rosalía Fernández Rial, Árbores no deserto


Título: Árbores no deserto

Autora: Rosalía Fernández Rial

Editorial: Galaxia

ISBN: 9788491514701

Nº de páxinas: 124 páxs

 





Sinopse:


Igual que a escultura vive nos bloques de pedra andes de ser tallada, a poesía latexa no corpo en prosa do pensamento filosófico. Do mesmo xeito que as partituras sustentan as acrobacias da improvisación, entre os cimentos dos discurso sólidos brinca, funambulista, a liquidez dos versos. Así, este libro escribiuse ao desconstruír a voz e o trazo das súas autoras. Sobre a trama resultante a literatura compuxo colaxes urdidas coa figura e as palabras de pensadores que teceron imaxinarios redentores a través do tempo. As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade.

 

Recibín con grande ilusión a publicación de Árbores no deserto (Galaxia, 2020) de Rosalía Fernández Rial, poemario que resulta imprescindible pola súa clara intención: ser semente de cambio. Todo isto mediante unha ollada singular ó universo dende o feminismo e, así mesmo, presentar o poder da palabra como elemento vivo e reaccionario.


O libro pode dividirse en once partes encabezadas por citas de pensadoras feministas imprescindibles na nosa historia. Mulleres que foron na súa época como "árbores no deserto", é dicir, figuras que construíron redes e pensamento pese a non ter apoios nin facilidades. A partir da deconstrución destes diversos fragmentos, a autora constrúe poemas de diversa métrica e extensión, que tecen un imaxinario conxunto en referencia ó tema central da obra. Se tivese que destacar un deles, quedaría con A reflexión, poema polo que a autora recibiu o Premio Poesía aRi[t]mar Galiza e Portugal 2021.


A REFLEXIÓN

Detrás do espello todas eramos a mesma muller, núa, interrogativa, reclamándolle respostas á realidade. Ninguén vai chamar por nós? Ninguén ─silencio ─. Porque sodes a mesma muller sen rostro, sen nome. E se nos creamos? Que cada unha se debuxe da forma que queira {...]


Mais Árbores no deserto non é simplemente unha homenaxe a estas figuras femininas, senón que tamén é un poemario que convida a reflexionar sobre o oculto, o ignorado, o maltratado, e eleva a palabra a posición de elemento imprescindible para o progreso e a loita político-social. A cultura como símbolo do crecemento e a posición capital da muller dentro dun "nós" futuro.


A performance e a interacción interartística tamén son notorias neste libro onde moitas veces a palabra e a exclamación apodéranse do texto xerando un espazo reivindicativo no poema que convida o lector a unha lectura máis activa e a unha intervención indirecta na peza.


En resumo, Árbores no deserto resulta unha obra comprometida, viva e contemporánea. Unha lectura que parte dos ideais e convértese en esperanza.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais