Recensión: Takiji Kobayashi, O caranguexeiro


Título: O caranguexeiro

Título orixinal: Kanikōsen (蟹工船)

Autor: Takiji Kobayashi

Traductor: Gabriel Álvarez Martínez

Editorial: Hugin e Munin

ISBN: 9788412128048

Nº de páxinas: 120 páxs














Sinopse


O caranguexeiro, publicada por entregas na revista Senki entre os meses de maio e xuño de 1929 e apenas un trimestre máis tarde como volume exento, está considerada unha das obras canónicas da literatura proletaria. Malia tratarse dun texto breve, destaca a potencia coa que Kobayashi reflicte a desvalorización e o maltrato das clases traballadoras, un feito que daquela lle supuxo a intervención da censura, que mesmo chegou a prohibir a obra; no entanto, anos despois, esa mirada contestataria sería clave para atraer o interese de lectores e lectoras de todo o mundo, unha vez que se traduciu a decenas de linguas.

O punto de partida para a historia é sinxelo: no xélido marco do mar de Okhotsk, Asakawa, o cruel superintendente dun barco factoría, o Hakkō Maru, explota con modos ruíns a súa numerosa tripulación, que sofre severos castigos e represalias. En consecuencia, e a pesar da vixilancia dun buque patrulla da mariña imperial, xorde entre os homes de mar a posibilidade dun motín.

A novela de Kobayashi coñeceu distintas versións teatrais e cinematográficas e foi adaptada como manga, sempre con grande éxito de crítica e público. Boa parte do seu atractivo radica se cadra na fácil translación da historia a case calquera contexto de abuso e precariedade laboral. Así se explica, por exemplo, o boom de vendas que experimentou no Xapón tras o crac financeiro de 2008.

Coido que para enriquecer calquera sistema literario é preciso publicar obras distintas importadas de culturas e linguas diversas e apostar por clásicos de temáticas e estilos moi diversos. O traballo de Hugin e Munin neste eido non é sempre valorado como merece dentro do sistema polo que aproveito este post para agradecerlles este traballo de traer obras distintas ó noso sistema. O caranguexeiro de Tajiki Kobayashi é unha delas.


«Sen mariñeiros nin fogueiros, este barco non se move. Se o operario non traballa, ao rico non lle entra nin un céntimo no peto. O diñeiro do que falei antes co que se compra o barco, co que se conseguen os utensilios e se fan os preparativos, ese diñeiro gánano zugándonos o sangue aos operarios. Son os cartos que nos espremen. Os ricos e nós somos pais e fillos...»


A obra de Kobayashi é unha obra que se podería integrar na literatura de temática "proletaria". Por ese motivo, a obra non sorprende polo seu argumento nin pola crítica social que hai nela. Tampouco nos personaxes, xa que hai nela a típica división en dous grupos: aqueles opresores, servos do capitalismo, que non amosan ningún tipo de sentimento ou de empatía; os outros, a tripulación explotada, na que hai persoas de distintos niveis de formación e que vense obrigados a traballar nunhas condiciones infrahumanas e sufrindo todo tipo de maltratos. Tampouco é especialmente orixinal no desenvolvemento dos feitos, mesmo estes se relatan na contracapa do libro.


« A compañía tiña moito tino ao contratar os pescadores. En cada área de recrutamento, pedíalles ao alcalde ou aos comisarios de policía que lle levasen <<mozos exemplares>>. Escollían traballadores sen vínculos cos sindicatos, persoas que acataban as ordes. Para que todo funcionase de maneira irreprochable! Non obstante, o traballo no pesqueiro estaba provocando xustamente o contrario: os operarios estábanse organizando por unha causa común. Ningún capitalista prevido agardara ese estraño devir. De xeito irónico, acabaran por reunir un fato de operarios desorganizados, de borrachóns incorrixibles, para lles ensinar a facer causa común. »


Entón, que ten de orixinal esta novela? Por que merece a pena ler este libro? Pois por un aspecto ben relevante en toda a obra: este texto é necesario para calquera época, un clásico imprescindible. O libro ofrece a posibilidade de facer lecturas paralelas da situación política e social do país e do mundo: a precariedade laboral que vivimos, os abusos, o concepto de poder, o poder do capital, a estrutura xerárquica da sociedade... Polo tanto, o lector ten a sensación de que este libro chegou no momento preciso en cada lectura. Ademais, o talento de Kobayashi, que pódese captar grazas a xenial tradución de Gabriel Álvarez, fai que non teñamos a sensación de ler un panfleto de ideas proletarias senón unha gran novela sobre as verdades e miserias da humanidade.


Sen dúbida, O caranguexeiro é unha aposta moi arriscada por parte da editora, pode que a moitos non lles guste, mais creo que é unha obra que merece unha oportunidade por parte dos lectores.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

enumerar motivos para debuxar unha balea

 

para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.

Eduardo Estévez, de baleas 

(Caldeirón, 2017)  

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com