Recensión: Torgny Lindgren, Mel de abellón


Título: Mel de abellón

Título orixinal: Hummelhonung

Autor: Torgny Lindgren

Tradutora: Marta Dahlgren

Corrección: Benxamín Constante e Alejandro Tobar

Editorial: Hugin e munin

ISBN: 9788494121166

Nº de páxinas: 136 páxs

 





Sinopse:


Mel de abellón traslada o lector a Västerbotten, no norte de Suecia, onde os irmáns Hadar e Olof viven en senllos fogares, conscientes ambos os dous de que han morrer dun momento a outro. Sucede entón que Hadar artella un plan para aliviar a súa soidade. A outra protagonista do relato, unha muller, queda atrapada pola neve e pasará un tempo cas del. Alén de pasaxes de corte naturalista e doutras que rozan o traxicómico e o macabro, a obra alterna a parodia do discurso relixioso cun relato centrado no transo que vai da enfermidade á morte.


A súa estrutura fragmentaria, repetitiva e en ocasións complexa, constitúe un acaído reflexo do illamento, da monotonía e da última etapa nas vidas destes personaxes. Mel de abellón é unha obra fundamental do seu autor, Torgny Lindgren, a cal en 1995 lle reportaría o prestixioso premio August, un galardón que dende 1989 outorga cada ano a Asociación de Editores de Suecia.

 

Estimulante lectura a que propón Hugin e Munin con Mel de Abellón, de Torgny Lindgren en tradución do sueco de Marta Dahlgren. Esta novela é un reto para calquera lector debido a complexidade temática do texto e a súa estrutura aparentemente (in)estable, mais voluntariamente repetitiva e fragmentaria.


- Podes concibir canta coraxe e valentía tiven que reunir para atrever a acollerte a ti, unha persoa allea, na miña casa? Non sei nada acerca de ti, só o que lin no xornal. Así a todo, fun recollerte e tróuxente ao meu fogar. O terror que pode causar unha persoa estraña pode ser inconmensurable. A condición de estraño contén unha sorte de fereza, por non dicir de ferocidade e falla de humanidade. Iso non pasa nunca coa xente da casa; o ser estraño pode ser coma un pozo sen fondo. (...) A natureza máis íntima da existencia non é outra cousa ca unha loita imparable en contra do estraño; tes que evitar a materia e as forzas alleas, decontino.


Mel de abellón require unha lectura atenta, de vagar, na que o lector valore as pausas e os silencios. Para min esta lectura foi moi reveladora e non puiden evitar comparar a situación de illamento que vive o mundo co illamento dos personaxes desta novela. A novela agonía e afoga coa monotonía que transmite, mais ó mesmo tempo comunica con gran intensidade as reflexións dos protagonistas da mesma e parodia os discursos relixiosos mentres valóranse conceptos tan importantes como a irmandade.


-Non gozo- dixo Olof-. Aliméntome

Non, non se dedicaba a unha cousa tan superficial e tan vergoñenta coma o gozo, e nunca tal fixera. Na súa existencia non había espazo para miudallos e lilainas coma o gozo corporal, por non falar dos gozos mentais. Vivía única e esclusivamente por Hadar ou, mellor dito, por si mesmo, pero en relación con Hadar. Coido que este Mel de abellón non é unha novela para todo o mundo, mais é unha novela suxestiva, intensa e que ten moito que dicir dos tempos que vivimos e a nosa maneira de enfrontarnos ó illamento. Alta literatura que chegou no momento idóneo ás miñas mans.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais