Recensión: Xaquín Núñez Sabarís, Cartografías da narrativa galega contemporánea


Título: Cartografías da narrativa galega contemporánea

Autor: Xaquín Núñez Sabarís

Editorial: Editorial Galaxia

ISBN: 9788491514688

Nº de páxinas: 168 páxs






Sinopse:


O thriller xacobeo, a novela policial e a narcoficción son os casos singulares a partir dos que Xaquín Núñez Sabarís efectúa un percorrido pola cartografía da narrativa galega actual. Expresados a través da literatura, as artes escénicas, o cinema e a televisión, e con localización específica en Compostela, Vigo e as Rías Baixas. Tres casos e tres escenarios nos que se enfoca o método trasmedial e cartográfico adoptado, co que se facilita a análise da transformación dunha cultura. O eixo temporal, que broslaba o relato da nación, trasládase ao espacial, fragmentado o espazo simbólico da representación en unidades maís atomizadas. A cidade actual recolle, en esencia, o legado da tradición narrativa para redeseñar a organización xeoliteraria da Galicia contemporánea.


PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO 2019

Neste Cartografías da narrativa galega contemporánea, Xaquín Núñez Sabarís fai un percorrido por tres camiños que segue a narrativa galega contemporánea en vinculación a tres espazos xeográficos onde as novelas se localizan: Compostela, Vigo e as Rías Baixas. Aínda que non pasou moito tempo dende a publicación deste libro, é evidente que se se publicase agora este estudo terían que sinalarse outros feitos e títulos, así mesmo podería facerse unha aproximación aínda máis pormenorizada do "Vigo noir" e as visións dos teóricos "participantes". Sen embargo creo que a súa vixencia é indiscutible xa que os camiños están perfectamente debullados.


Gústame especialmente que pese a que sexa un ensaio de tipo academicista, a estrutura que segue e a coherencia que existe entre as distintas partes do mesmo produza que este libro sexa asumible para lectores que non teñan formación filolóxica ou literaria.


O que non me gustou tanto é que, aínda que o autor é claro co contido dende o inicio do texto, é que no se explorasen outros camiños que hai na narrativa galega contemporánea. Coido que podería completarse con outros camiños que se sitúan nas marxes e que dotarían o volume de aínda máis valor.


Outro aspecto que botei en falta no ensaio foi que se profundizase moito máis no concepto de cidade en relación coa literatura. Coido que unha parte introdutoria as correntes literarias e de pensamentos que reflexionan sobre o espazo na literatura enriquecería moitísimo máis este ensaio a nivel do lector cualificado que accede a el.


En resumo, aínda que o ensaio se centra nunha cuestión moi concreta e que co tempo pode resultar superada, coido que a día de hoxe é un libro moi adecuado para comprender algunhas das direccións que tomou a narrativa galega contemporánea.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

«pequena occidental,

confías na historia das palabras

porque nunca puideches confiar na dos homes»

    Alba Cid, Atlas (Galaxia, 2020). (Fragmento)

Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020

David González Domínguez

Contacto : palabradegatsby@gmail.com