Recensión: Xela Arias, Darío a diario


Título: Darío a diario

Autora: Xela Arias

Limiar: Berta Dávila

Ilustracións: Iván R.

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491218623

Nº de páxinas: 56 páxs

 



Sinopse:


En 1996 Xela Arias publica «Darío a diario», un libro de poemas dedicado ao seu fillo, que ofrece unha visión desidealizada e ao tempo fonda e entrañable da experiencia da maternidade. En palabras da propia poeta: «"Darío a diario" non naceu coa vocación de ser o que hoxe é: un libro encadernado e público. Foi, no seu principio, a necesidade imperiosa de explicarlle ao meu fillo o manifesto íntimo e interno de intencións maternas nas que el mesmo, polo feito de existir, me obrigaba a moverme; o compendio de contradicións que a maternidade me provoca.» Nesta nova edición os poemas veñen acompañados por ilustracións do artista Iván R.

 

Coido que non hai mellor maneira de achegarse á obra de Xela Arias que mediante aqueles textos máis senlleiros dentro da mesma. De feito, na miña opinión Darío a diario é un libro especialmente luminoso dentro da súa traxectoria e que merece un espazo destacado dentro da súa obra. Sen dúbida estamos ante un poemario que evoca e transmite dende poemas breves mais potentes, e que baséase nunha das conviccións máis puras e necesarias que existen no mundo: o amor é liberdade.


Feito que tamén sinala na súa análise Berta Dávila, que exerce como responsable do limiar desta xeitosa nova reedición da obra coas ilustracións de Iván R. O seu limiar resulta un sensacional comezo para a lectura deste texto, tanto polo atinado dos seus comentarios como polas reflexións que hai nela sobre a propia maternidade, dende o punto de vista de muller e de escritora, e os fíos (in)directos que unen a súa propia experiencia á de Xela.


A relación co fillo non se configura como un relato de pertenza ou protección, senón como un caer na conta de que a maternidade é un exercicio de desprendemento que non significa abnegación nin propiedade, e a crianza, o proxecto de acompañar un individuo na conquista da súa liberdade» (Limiar, páx. 9)


Darío a diario é un poemario especial na literatura galega. Non creo que simplemente o sexa por ser a primeira obra que fala extensamente sobre a maternidade dende unha linguaxe poética, senón polo especialmente lúcida e profunda que é a propia lectura desa situación. Cada vez que leo algún dos versos do libro penso na beleza de criar a un fillo dende ese sentimento de liberdade e amor, mais tamén de autocrítica, inseguridade e superación.


«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuíres»


«Busco o modo de te acompañar sen estorbo,

que seas ó meu carón feliz e creador

de ti,

de ti e mailo mundo que apañes»


«Darío a diario.

Invasión que se me convén fantástica.

Invasión sen ocasión.

Invadíuseme a vida de cueiros e biberóns,

de roupiñas pequeñas e xoguetes de colores,

de risas, choros, agarimos, agarimos.


Darío a diario.

A túa man ocupa un cuarto da miña xigante,

por iso detesto un pouco tantas palabras.

Todas para ti, ¡son a raíña parlante!,

¡emperatriz de sonidos guturais en diante!»


En resumo, coido que este é un libro que hai que agasallar ler e reler para comprender que o acto máis puro de amor non é darlle ó teu fillo a vida, senón a capacidade de ser libre e ensinarlle ó camiño para que o logre. Unha alfaia literaria á que agardo que todos os lectores se acheguen para celebrar como se debe a esta muller libre, transgresora e nai.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais