Recensión: Xesús Fraga, Virtudes e misterios


Título: Virtudes (e misterios)

Autor: Xesús Fraga

Editorial: Galaxia

ISBN: 9788491514480

Nº de páxinas: 368 páxs






Sinopse:


Contar a emigración desde a parte dos retornados. Velaí o obxectivo que se propuxo Xesús Fraga ao encetar esta novela que é, sobre todo, o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor. Xesús Fraga constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.


Premio Blanco Amor 2019

Lembro que cando era pequeno gustábame moito ver as antigas fotos do avó e a súa familia en Alemaña e que sempre lle facía moitas preguntas sobre as cousas que facía alí. Aínda hoxe, sento no meu lugar privilexiado no sofá da súa casa para escoitar moitos dos seus relatos sobre aqueles tempos nos que as cousas eran tan diferentes. Anos despois estiven persoalmente vivindo alí e visitei aqueles espazos que o meu avó describía nas súas historias e mesmo fixen fotos para ensinarlle. Nas fotos el xa non recoñecía moitos deles polo paso do tempo polo que, aínda así, tiña a sensación de que nunca coñecería realmente unha realidade semellante a súa, por moito que investigue as súas referencias.


Pensei moito nestes e outros aspectos durante a lectura de Virtudes (e misterios), obra que ten un mínimo de ficción e que supón unha maxistral biografía novelada sobre a familia do autor e especialmente, da figura da súa avoa Virtudes que actúa como eixo central da historia, como tamén o foi da vida de todos os seus descendentes. A súa presenza e ausencia marca todas as vidas e, aínda que co libro non temos resposta para moitos daqueles "misterios" da súa vida, temos a sensación de que non lemos unha historia particular, senón moitas historias familiares de moitos de nós e dos nosos coñecidos.


Coido que cando se le esta historia, vese tamén a un narrador que admira unha figura polo que, sen ser perfecta, constitúe un referente. Unha figura que ilustra e inspira e a través da cal é posible constituír una árbore xenealóxica chea de vida. Esa mesma fascinación é a que sempre inspiroume o meu avó. Supoño que por iso a lectura faise para min aínda máis completa e deliciosa. No momento no que as circunstancias de cada un poden sumarse a súa lectura, temos un texto infinito, que sempre da máis de si.


En resumo, Virtudes (e misterios) foi para min unha lectura moi inspiradora. Non puiden evitar rir, sorprenderme e reflexionar coa súa lectura. Unha historia que fala da vida dende unha case ficción intelixente, documentada e froito dunha viaxe pola memoria. Non sei se algún día coñecerei a historia da miña familia dunha maneira tan profunda, o que me queda claro é que xa hai moito dela neste libro.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

Goodreads
  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Versos do día

Suscríbete
Sígueme

«pequena occidental,

confías na historia das palabras

porque nunca puideches confiar na dos homes»

    Alba Cid, Atlas (Galaxia, 2020). (Fragmento)

Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández 2020